
Skype, a compañía de chamadas telefónicas sobre Internet, ten operativo un novo servizo baseado na súa plataforma: os SkypeCasts, que aínda están en probas. Levo probando e dándolle voltas a esta funcionalidade todos estes días: trátase dunha especie de híbrido de chat, un podcast e unha retransmisión radiofónica. Ti, como usuario, podes crear unha emisión, no momento ou de xeito periódico, como nun programa de radio.
Eu probei a facer unha experimental: As viaxes de Simbad, sobre roteiros e experiencias viaxeiras. Ás horas punta, aparece un mundo de xente. Moitas das reglas están aprendidas no mundo do chat, que tamén parece inspirar a incríbel diversidade de contidos. Moitos usuarios imitan a linguaxe radiofónica, apropiándose dela, e existen reglas básicas comúns de actuación. Pides paso para falar, ou simplemente escoitas. Entrementres,a tertulia radiofónica compleméntanse con mensaxes privadas que crean un discurso paralelo á propia radio, empregadas con fruición polos usuarios, polo que vexo.
Esta radio social é un paso máis da maré de contido xenerado polos usuarios na que levamos avanzando, pero hai un detalle curioso. Escoitar un SkypeCast neste momento é como un cruce entre unha sesión de espiritismo e recibir unha chamada dun astronauta desde Marte. A tecnoloxía aínda é raquítica e limitada pero o principal problema é que os usuarios aínda non dominan a súa máquina ao cen por cen e se lían co acople do micro e os altofalantes. Así que por veces, dáche a impresión de que acabas de chegar á fábrica das psicofonías. De aí que moitas retransmisións estean cheas de ruído técnico e discursivo. Este é un exemplo que gravei hoxe:
[audio:skypcast.mp3]O interesante é que, despois de dez anos de chegada de novas tecnoloxías dixitais, nós xa sabemos que este ruído é momentáneo. Os usuarios de SkypeCast tardarán poucos meses en aprender as reglas tecnolóxicas e de etiqueta desta tecnoloxía. O sistema tenderá a autoorganizarse. O modelo será, se cadra, liberado, ou senón, copiado, hackeado, innovado por usuarios emprendedores. E, entón, poderemos estar chegando á versión máis social e personalizada da radio que nos teñamos imaxinado ata o momento.

Dende logo, parece o máis cercano a unha ouija dixital.
É cuestión de tempo que Iker Jiménez saque no seu programa un SkypeCast no que se escoite a unha nena susurrando “Mamá, frío, mieeeeedo…” ou a unha señora gritando con mala ostia e voz entrecortada “el audio se m’acopla”. Escalofríante documento!
Eu aínda teño por casa un CD con psicofonías que viña coa revista “Más Allá”, no que se escoitaba a mensaxe que a secretaria de Jiménez del Oso (recentemente falecida) lle deixara no contestador…
Boísimo. Non sabía o da secretaria. De todos os xeitos, Juan, nótase que somos de xeracións distintas: eu tiña a cassete de Más Allá.
Ideal para asustar cando adolescentes.
A miña época new age colleume na transición. A primeira Año Cero que merquei traia un vhs con ovnis vistos por un tal Willy Meyer (hai 2 anos demostrouse que fora un fraude). Pouco despois, con Más Allá viñérame un disquete de 3 1/2 con horóscopos varios e un xerador de I-Ching. Na última que lembro, finalmente o CD.
Pero eu son dos que penso que a era dixital acabou cos ovnis e coas psicofonías. Éche unha pena, pero parece que os soños e as ilusións se emiten en baixa definición…
EXACTO, AGAS NA FASE REM..-