A medición do mundo, de Daniel Kehlmann: ególatras en paralelo

daniel.jpg
O mozo escritor alemán Daniel Hehlmann

A medición do mundo, de Daniel Kehlmann é unha novela para quedar atrapado nela e non saír. Toda ela enfíase a partir dun fito histórico da historia da cultura alemana: o encontro en 1828, en Berlín, de Alexander Von Humboldt e Carl Friedich Gauss, posíbelmente dous dos máis notábeis científicos do seu momento e preclaros representantes do volk xermano, tal e como se entendía na época.

A partir deste encontro máis ou menos desafortunado, Kehlmann enceta a narración en paralelo dos dous homes, aos que os une a mesma paixón pola precisión. A medición do mundo, un gran título. Resume unha época e dous xeitos de comprender a ciencia. Humboldt atravesa Sudamérica, escala volcáns, introdúcese en covas cos seus aparellos para extraer a medición, sen que pareza haber obxectivo alén. Gauss desenvolve pezas claves do encaixe matemático, da xeometría, do magnetismo, desde o seu cómodo posto de director do Observatorio de Göttingen.

humboldt_gauss.jpg
Alexander von Humboldt e Carl Friedrich Gauss

A historia que nos conta o mozo Daniel Kehlmann bebe do entretemento popular nas súas ansias por contar, por narrar, e da aspiración culta a indagar en personaxes complexas e de moitas caras. Case todo é pura especulación. Sabemos moito das aventuras de Humboldt por América, pero todo son datos, medicións, taxonomías, prantas. Da vida íntima de Gauss aínda sabemos menos. Kelhmann ten, xa que logo, un gran campo libre para a especulación que aproveita comodamente. Sen medo ao erro, Kehlmann constrúe dúas personaxes ególatras, arrastradas pola súa xenialidade a ser absolutos solitarios no medio da multitude, incapaces de manifestar admiración. Atopámonos ante unha novela deliberadamente sinxela, con licencias xoguetonas -un ovni cruza sobre Humboldt no Orinoco- e un ritmo intelixente. Algún dos máis notábeis capítulos está contra o final, na viaxe do ancián Humboldt por Rusia, tentando emular ridiculamente as fazañas da mocidade, nos escuros episodios sexuais a penas mencionados, no pequeno atisbo de realismo máxico, nos momentos de luz no seu círculo social, deliberadamente destruído polos seus excesos de personalidade.

4 Comments

  1. Elperejil
    1 / Febreiro/ 2007

    Cheguei ao teu interesante blog a través dunha crítica culinaria e tras navegar un pouco máis polo blog decidín archivalo no meu listado de blogs a visitar. Compartimos moitos intereses e aficións.

    E un deles é a literatura, e así cheguei a túa recomendación deste libro que, fai uns días, estiven ollando nunha libreiría da Coruña.

    E recoñezo que, aínda que o tema me parece interesante, collín o libro con certa olleriza por un detalle: a trama lémbrame dun xeito esaxerado a unha das grandes obras mestras so século XX (segundo algún crítico a “derradeira obra mestra da literatura do século XX” -é do ano 1997, e aquí publicouse no 2001-, opinión que comparto). Falo de “Mason & Dixon” de Thomas Pynchon.

    Supoño que o desenrolo da historia será ben diferente (é imposible imitar con éxito a Pynchon), pero o punto de partida é moi semellante: a vida figurada de dous personaxes -dos que non se sabe moito históricamente- que se adicaron a medir e facer mapas a finais do século XVIII e principios do XIX, no caso de Pynchon, a do astrónomo Mason e o topógrafo Dixon. Nelas se combina unha intesa información histórica, moi rigorosa, cuns enormes alardes de imaxinación -na obra de Pynchon tamén aparecen referencias aos extraterrestres e ovnis-.

    Son un enorme fan de Pynchon e esta semellanza pareceume sospeitosa. Pero é de recoñecer que o tema me chama e se ti dis que a novela merece a pena, pode que me achegue a ela.

    Pola miña parte aconsello a lectura de “Mason & Dixon”, aínda que non é unha lectura doada. É un libro denso, longo (case un millar de páxinas), e de bastante complexidade narrativa, pero tamén cunha prosa exquisita, unha imaxinación extraordinaria e, as veces, un sentido do humor realmente divertidísimo.

  2. 1 / Febreiro/ 2007

    Non coñezo a obra de Pynchon, aínda que sempre me chamo a atención a personaxe, ou máis ben, a non-personaxe que é!

    Tomo nota de Mason&Dixon. Pode ser unha lectura moi interesante para este 2007.

  3. Elperejil
    3 / Febreiro/ 2007

    hahaha…
    Unha boa definición de Pynchon esa de “non-personaxe”. A súa ausencia é unha paradoxal sinal de identidade, efectivamente. E o máis curioso é que é moi coherente co contida da súa obra (chea de delirantes conspiracións, desintegracións da personalidade na paranoia, sobresaturación de información, etc.)

    E, por certo, e xa sei que non ten que ver con este post (espero non pasarme de confianza), pero despois de visitar moitas das entradas do teu blogs decidinme a convidar á miña muller ao restaurante “La Estación” en Cambre pois en breve facemos o noso décimo aniversario. Vistas as túas opiniós (e as fotos, miña nai querida que pinta ten todo!) espero sorprendela moi gratamente. Grazas polo inintencionado consello.

  4. 3 / Febreiro/ 2007

    Creo que La Estación che vai gustar moito. Pedide o menú degustación, que é unha estupenda combinación e ritmo de sabores. Xa me contarás que tal. Eu fun en setembro do ano pasado, pero creo que a cousa sigue igual de ben, polo que conta un amigo (entusiasmado) aquí:

    http://gourmetymerlin.blogspot.com/2007/01/restaurante-estacin.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *