Last updated on 19 / Decembro/ 2006

Gústanme as dúas grandes modalidades de ciencia-ficción: por unha banda, a puramente especulativa, ambientada nun futuro bastante remoto, e no que a imaxinación e o pensamento creativo suple as lagoas de distancia temporal que median entre a lectura e o lector. Un ve esas obras -novelas, películas, cómics- case como fábulas ou especulacións antropolóxicas. A outra modalidade é cando a obra de ciencia-ficción está baseada nun futuro inmediato, a poucos anos de distancia, no que nos recoñecemos. É ese futuro onde o creador debe pór sobre a mesa a súa visión persoal do mundo e especula sobre a situación actual do mundo a través da prospectiva. Son obras máis políticas, en moitos casos son visións do presente peneiradas pola trama futurista e, xa que logo, máis arriscadas na súa confrontación co público. Unha das miñas favoritas, neste sentido, Días extraños, de Kathryn Bigelow.
Fillos dos homes está ambientada en Londres, en novembro de 2027, e a trama baséase nun elemento puramente inexplicábel: as mulleres deixaron de ser fértiles no ano 2009. A Humanidade envellece consciente de que marcha cara a súa desaparición. A morte do habitante máis novo do planeta, un arxentino de 19 anos, desencadea unha depresión mundial. O mundo do 2027 creado polo director mexicano Alfonso Cuarón é unha compilación da escombreira moral dos séculos XX e XXI, que un recoñece en cada escena, porque ese mundo de ficción está nos nosos telexornais. A contaminación atroz dos mares, o neofascismo dos gobernos, Guantánamo, o ghetto de Varsovia, a marxinación e a violencia dos barrios periféricos franceses, os grupos terroristas, as cidadanías de primeira e segunda clase, a polución atmosférica, o isolacionismo social e político, a expulsión de inmigrantes e refuxiados, o exterminio masivo e aéreo, os lideratos mesiánicos. A Inglaterra sitiada por países en descomposición e turbas asume o fascismo orwelliano como defensa e unha policía sen límites encárgase brutalmente da recolección de inmigrantes ilegais. Nese mundo de conta atrás existe unha posibilidade de esperanza, que non che contarei. Pero a esperanza, como nas historias bíblicas, procede do extrarradio do poder, e aparece no lugar máis insospeitado. Hai moito de trasfondo bíblico nesta historia, é certo, pero moito tamén de continxencia moral. Coma no espello de Dorian Gray, esta película de ciencia-ficción permite ver todas as nosas miserias reunidas na cara única dun monstro, coma se nos dera perspectiva sobre o tempo e nos fixese pensar que acontecería se uniramos todos os nosos novos horrores nun único lugar e nun único país. Non a perdas.

Para min foi un deses casos nos que unha película che interesa dende antes da rodaxe, cando te enteras do argumento e dos actores que van participar. A tensión foi medrando coas primeiras imaxes, logo co primeiro trailer, despois co segundo… “Buff, seguro que resulta ser unha cagada”, pensaba días antes de ir ó cine, pero non podía coa impaciencia. ¿E sabes que? Non me defraudou en absoluto!!!
Pasei as dúas horas da película emocionado, angustiado, consciente de que a distopía está ó outro lado: da pantalla da TV, da ventá, da parede… Realmente, está no espello. Todo resulta tan… “palpable”.
A propia “ficción” que sirve de pretexto non é máis que unha metáfora: poida que o noso mundo aínda teño nenos, pero o que non lle queda xa é a inocencia infantil. Por certo, ¿Decátacheste de que na película, toda esperanza vén da man das mulleres?
PostMortem. Onte comecei unha das miñas grandes débedas literarias: “O retrato de Dorian Gray”.
Gústame esa palabra que empregas: distopía. Si, creo que Cuarón quixo aproximar ao máximo o futuro ao presente para crear máis inquedanza. Tamén me resultou interesante que a innovación tecnolóxica a penas se nota en pequenos detalles e non desempeña un rol importante na trama.
Por certo, ¿a lingua dos inmigrantes será inventada? Na dobraxe soa coma un cruce entre lingua latina ou eslava.
Acabo de buscar “distopía” na wikipedia e di algo interesante sobre ela:
“comúnmente, la diferencia entre utopía y distopía depende del punto de vista del autor de la obra”.
No caso de “Hijos de los hombres” creo que non hai excesiva dúbida (por certo, a orixe do termo atribuíselle a John Stuart Mill).
Sobre a lingua dos inmigrantes, síntoo, a verdade é que agora non lembro ben. Tería que volver a vela.
Ah, e xa que a mencionas no post. ¿Non terás “Días extraños”, verdade? Quedara fascinado cando a vira por primeira vez, nunha maratón pre/post-apocalíptica que tamén incluía Existenz e Gattaca (si, foi unha noite complicada que deixou as súas secuelas…).
Porque mira que a busquei, pero non houbo forma de facerse con ela.
Si, é moi difícil de atopar, de feito, non está á venda no Estado….pero eu téñoa! Mándame un correo dicíndome onde queres q cha deixe.