A cidade de Orhan Pamuk, atrapada no propio estereotipo

orhan_pamuk.jpg

Lin Estambul, cidade e recordos do nobelizado Orhan Pamuk, como punto de partida para coñecer a súa obra. Non adoito marcarme a cola de lectura a base de premios mediáticos, pero en Pamuk confluían dous aspectos que en principio me atraían poderosamente e que colocaron o libro no alto da pía: un, que escribira ese libro sobre Estambul, unha cidade intrigante para os que aínda non a visitamos. Dous: parecía reflexionar sobre a incómoda posicion mestiza da cultura turca, sempre sometida a unha forte tensión interna, máis que externa, sobre a súa identidade.

Para coñecer a Pamuk, iniciei a viaxe máis na súa etapa de descritor urbano que de escritor. Estambul, cidade e recordos é unha autobiografía dos primeiros anos do autor que opta por unha atractiva estratexia narrativa: a cidade vaise volvendo máis complexa, vaise revelando na mesma medida en que o narrador, o propio Pamuk, vai medrando. De cativiño, é unha cidade de tellados vistos desde un balcón; ao sete ou oito anos é unha cidade de comercios, follas de árbores, sorrisos incomprensíbeis de nenas, vellas devotas.

Pero a cidade, tal e como nola revela Pamuk, é indisolúbel da súa propia herdanza familiar: unha adiñeirada familia herdeira dun pasado industrial, laico, forxado no réxime prooccidental de Ataturk. O libro reitera sucesións de escombros, ruínas, pazos desfeitos, casas de madeira queimadas, caos, escoria, lixo e, sobre todo, desleixo. Pamuk parece presentarnos a cidade como pensa que os occidentais a vemos, como un tanto avergoñado na súa comparación con Frankfurt ou Milán. Esta autovergoña, esta dúbida constante sobre si mesmos, é algo moi turco. Lembro a un par de amigos xornalistas de Ankara, hai anos. Amosáronos un álbum de fotos dunha aldea da que procedían. Víase a unha vella de negro cun pano á cabeza cunha cabra no medio dun prado, noutra un alboio e á mesma vella cun cuxo e unhas galiñas.

-Mira que atrasados estamos en Turquía –dicían laiándose no seu propio estereotipo e sinalándonos á vella. Nós non soubemos se desvelarlles a realidade, se dicirlles que as vellas con pano á cabeza eran case un atuendo universal na Europa do Sur. Sacounos da dúbida un varudo galés que lles revelou ante a súa estupefacción:

-¡Cuspidiña á miña avoa!

Eles sentíranse moi desacougados ante a revelación.

melling.jpg
1803: O Estambul esplendoroso do Imperio Otomano, segundo Antoine Ignace Melling

O certo é que Pamuk non evita caer na tentación do tipismo, describindo os personaxes excéntricos da cidade, como Resat Ekrem Koçu, historiador homosexual, coleccionista de recortes de curiosidades da prensa do XIX e editor dunha enciclopedia estambulí con trinta volumes proxectados da que só completou quince, pero acudindo ben pouco ás personaxes céntricas. Se cadra sexan as páxinas máis lúcidas e vivas do volume, por outra banda. O resto, a sucesión reiterada de escombreiras estambulíes e barrios deprimidos altérnase co habitual e aburrido álbum de recordos típico dos libros de memorias, sen excesiva concesión á orixinalidade: a capacidade dun escolar de sete anos para observar unha folla de árbore durante media hora de aburrida clase, a relación coa nai, os salóns da casa cheos de retratos, a primeira erección, os primeiros olores.

Sempre crera que a insistencia con que os medios repetiran que Pamuk abordaba a relación Occidente – Oriente era unha pátina, un xeito de definir con rapidez e obviedade algo que non se lera e asignarlle atributos tópicos e comprensíbeis para o noso tempo. Pero despois de ler Estambul, cidade e recordo, xa non o tiven tan claro: creo que Pamuk, cando menos neste libro, fica exactamente aí. En certificar que Estambul está un pouco no medio xeográfico e cultural. E listo. Tal e como o mirariamos con ollos de turista. Se cadra o acento local estea na evocación do imperio otomano, na definición de Estambul como o resultado dun proceso de ruína colectivo, no que do espléndido pasouse ao sórdido en cuestión dun suspiro. E aí pode estar o único anaco orixinal de Estambul, cidade e recordos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *