Aislados, a parrafada dunha xeración

Last updated on 13 / Novembro/ 2006

aislados.jpg

Beatriz Perez definiu “Aislados” como ir de cañas cos amigos. É un atinado resumo desta película dirixida por David Marqués, interpretada con tres actores e con tres membros no equipo técnico: o director, o sonidista e o cámara, que rodaba cunha MiniDV. O certo é que é destas películas nas que un debe aprender o ritmo antes de poder comezar a disfrutala, a saber que se vai tratar dunha conversa excesivamente sincera -máis ben dunha cháchara- entre dous vellos amigos entre os que non hai prexuízos nin tabús, illados nunha casa do rural do norte de Ibiza. Unha vez que un se decata de que pouco máis vai a acontecer aí dentro, unha vez que nos desposuimos de prexuízos cinéfilos, unha vez que somos conscientes de que a seguinte hora e media vai ir de parrafeo insubstancial, comezarán os risos.

Aislados é unha peli xeracional sen pretensións que, non sei se querendo ou non, se converte nunha especie de memoria xeracional dos que xa entramos nos 30. Non creo moito nas novelas, ou nas películas que retratan á Xeración -xa sabes, ese grupo humano ao que ningún dos seus integrantes afirma pertencer. Pero esta película asume a época pasada como froito de escarnio e, por iso, faise máis críbel. Para entendérmonos: unha das primeiras escenas é unha evocación dos Spectrum 48 kb, os Commodore 64, os videoxogos de cartucho e o Némesis, o pirateo de cassetes, as pelis de Superman; prosegue con outras conversacións de barra de bar, a calvicie e a canicie. E un comeza a rirse sen parar, pero non tanto pola maior ou menor graza do guión, senón porque un asiste á parodia dun mesmo, o cal sempre é tremendamente saudábel. Este cachondeo vai dunha memoria moldeada co zunido de reminiscencias islámicas das cassetes dos xogos a cargar no MSX (no meu caso), e que descubre que todos os xogos das maquiniñas nas que fundías a paga dos domingos caben agora nun CD, no que te lembras de súpeto de como se xogaba ao Simón.

Como o trailer é malo de narices, mellor vos ensino un videoclip da banda sonora. Faino un grupo ibicenco, Statuas.d.Sal, que foi unha agradábel sorpresa. O tema é “Lo que hay que ver”. Xa veredes que ben soan:

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *