Última actualización o 27 / Setembro/ 2006
Juan Castro envioume por correo esta foto escaneada. É dos anos 80 e podería titularse: “Castro de Logoso con Avoa ao Fondo”. Detívenme un rato a estudala con interese. Cantas cousas conta! Míraa ben:

(ver ampliada aquí. Foto: Juan Castro
Aparecen dúas casas circulares, en primeiro plano, nun incríbel estado de conservación, despois de dous mil anos de abandono. A avoa parece repousar ao fondo, contra unha muralla, tamén de pedra, tamén aínda en pé, que terá un metro de altura. Comprobei a bibliografía bastante excitado: non houbera ningún tipo de excavación nin rehabilitación alí. É dicir, ese castro estaba tal como o deixara quen alí vivíu.
En canto puiden achegueime: a excusa era outra e só tiñamos a penas unha hora para subir, pero quería ver se aquel miragre continuaba existindo. Era o castro do Logoso, en Dumbría, ao carón do camiño de Santiago. Explorei o lugar dende o Google Earth (aquí o ficheiro kmz) para coñecer a súa ubicación estratéxica, nun espolón de saída nun camiño milenario ao que despois chamarían Camiño de Santiago. E comezamos a subir pola pendente que está á beira da pedra calzada de Brañas, un pequeno miragre xeolóxico.

Murallas da croa do Castro de Logoso. Foto: Sole
O Castro do Logoso está cuberto hoxe dunha enorme toxeira que chega a alcanzar nalgún momento os dous metros de altura, aínda que tranquilos, na maior parte do recinto só dan máis ou menos á altura do peito. E son bravos como valados fronteirizos. Camuflado entre os toxos, pódese atopar un incríbel recinto arqueolóxico. O castro sitúase no alto dun monte fortemente pronunciado por tres dos catro lados, e aproveita estas defensas naturais. No Noroeste, pola contra, a subida é maina, e outro outeiro sobresae por riba da propia altura do castro. Aquí a acrópole concentra unha gran parte das defensas: primeiro un parapeto de terra, logo tres murallas pétreas que van ascendendo. Na zona superior está a croa, cunha gran muralla derruida, cos cachotes esvarando pouco a pouco pola ladeira. A croa é impenetrábel de toxos, pero pódese camiñar por riba da muralla para recoñecer o recinto. Ao sureste, a un nivel inferior, distínguese un barrio exterior tamén protexido coa súa muralla, pero inaccesíbel polo mar de pinchos.
Pero o máis incríbel son as casas. Esa croa está chea de pequenas edificacións circulares, caídas e pegadas á muralla para aproveitaren o muro xa feito. Alí arriba. Só parece que un dea unha palmada e toda a vida comece a aparecer. Ao estar alí arriba, un sabe porque todas esas edificacións sobreviviron, no canto de serviren de tradicional canteira das casas dos labradores. O Logoso está moi alto e as aldeas teñen afloramentos de granito moi próximos ao lugar no que están instaladas. Era máis cómodo coller a pedra ao carón do lugar da edificación da túa casa.
Este castro é tan potente, tan excepcional, está en tan bo estado de conservación, que un non acaba de crer que aínda estea en pé. Non parece ter sido romanizado. Sen ánimo científico, pero impelido dun certo presentimento, quixen levantar un pequeno croquis da complexidade das estruturas desta acrópole. Algunhas das liñas son imaxinarias: había demasiada maleza para confirmar algunha traxectoria, pero a trazos xerais, este é o recinto. Cando menos queda constancia antes de que un día nos sorprendan as noticias dun parque de aeroxeneradores ou un tractor rapaz ou calquera outra habilidade desas que tantas temos.

Plano do castro do Logoso (aquí tes o mapa máis grande e con máis detalles)
Grazas, Juan, por compartir este tesouro.

Agradécense este tipo de post tan ben documentados e útiles.
Opínoche ó mesmo, así da gusto…
De nada, Manolo. Gracias a ti polas molestias que te tomaches.
Aínda queda moito por sacar á luz na zona, así que vai preparando as botas ;)
Pois haberá que buscalas!