
Cruzando a ponte: o son de Estambul é, ata o de agora, o último traballo do alemán de orixe turca Fatih Akin. Trátase dun documental sobre o patrimonio e o presente musical desa cidade-encrucillada que é Estambul a través dun intermedario europeo, Alexander Hacke, un baixista alemán cargado de equipos de gravación. E, se a un lle gusta a música e se deixa levar, é tan flipante que se converte nunha acelerada viaxe pola enorme diversidade musical da Turquía actual. Porque o frenético ritmo lévanos polo hiphop de Ceza, polos breakdancers urbanos, polo pop oitentero de Sezen Aksu, por un concerto de rock psicodélico de Baba Zula tocado no Bósforo ao solpor, polo pai de todos os que fan música moderna en Turquía, o rockeiro Erkin Koray, pola música tradicional kurda da fermosa Aynur…Non é que o recomende, é que non podes deixar pasar un segundo sen velo! Entrementres, para facer boca, aquí vai o trailer:
Os que máis me sorprenderon foron, sen dúbida, os SiyasiyaBend, unha sorte de músicos de rúa que buscan activar conciencias e revelarse contra as constricións habituais do mercado. O cantante ten unha voz rouca, e hipnótica. As letras (aínda que non as poidades ler neste fragmento) son moi potentes.

Be First to Comment