Pérdeme a arquitectura renacentista. Aos nosos ollos, aínda está chea desa vontade medieval de escribir visualmente unha mensaxe nos muros recén feitos, unha mensaxe simbólica ou narrativa. As paredes convertidas en pergameos. Ao mesmo tempo, esa arquitectura reinventa o mundo clásico. En Galicia, o Renacemento ten trazas civís e militares. É un renacemento de sereas, do retrato dos pagadores das edificacións, de patios porticados nas Casas da aristocracia. Trala desfeita arquitectónica dos Irmandiños, algúns castelos volveron a construírse con vontade fortificada, pero cun novo espírito pacego. Velaí aparece a Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol (Lugo).

Patio renacentista que se abre entre o tellamento tradicional de pizarra lugués.
Este reducido patio, nun edificio militar, fai que a luz reordene as estancias. Cando un entra nel, non é nada difícil imaxinarse a vida noutra época. A cociña, unha nave enteira cunha lareira de columnas labradas do XVI, o forno do pan dentro, un servizo hixiénico dividido apenas por tabiques, un teito elevado. Un imaxina escenas de López Ferreiro, de Valle Inclán, de noites escuras, cans enormes roendo ósos de porco, un portazo e botas correando choiva no piso de abaixo. O enorme salón, cunha cheminea tamén do século XVI, que me lembrou os halls dalgúns castelos xermánicos, e nun recanto, unha estirada solaina con dúas fiestras contiguas para ver moito do val sen descoidar a protección similar. Outra fermosa cheminea, a do dormitorio do señor, con dragóns e animais fantásticos, está na segunda pranta da torre, ordeada construir por Vasco das Seixas, o noble que reconstruíu a torre trala desfeita irmandiña. Gostaríame ensinarche as fermosísimas lareira e chemineas, pero non permitían tirar fotos. Busquei no web da Deputación, pero tampouco as atopei. Terás que ir ata Friol para velas.

Lateral do castelo. O cubo que aparece en primeiro plano foi torre e agora é capela.
Este castelo tivo a fortuna de pasar a mans públicas -a Deputación de Lugo- en 1939 e hoxe mantén a Sección de armas do Museo provincial. As coleccións do museo son un pouco como as do museo da época: algo de etnografía, enormes coleccións de morteiros de cociña, dagas xaponeas e mosquetóns e así. Fáltalle unha perspectiva expositiva máis moderna, pero ten o candor dos museos pensados para eruditos e non para o público xeral.
En Narla conflúe o rigor militar e a busca da beleza renacentista. Tamén a identidade individual, insertada dentro do proceso artístico. E tamén a busca de heroes pagáns da Antigüidade como modelos. Observemos este relevo dunha fiestra da torre:

Medallón na Torre da Homenaxe
¿Sería un heroe clásico? ¿Ou ben Vasco Seixas, o señor da torre que encargou aos canteiros vascos a súa reconstrución? ¿Ese Vasco Seixas do que falan as terríbeis lendas da zona?
Xeoposicionamento do Castelo de San Paio de Narla en Google Maps

Sé o primeiro en comentar