
O iPod Shuffle é un destes produtos que moita xente parece querer soterrar dende cando practicamente saíu. Apple lanzou o Shuffle coa estratexia de ocupar o mercado adolescente, ao que o seu iPod convencional podíalle resultar inalcanzábel. Supoño que en parte para abaratar custes, o Shuffle nacía cun mínimo control, sen pantalliña na que poder seleccionar cancións. Os deseñadores de Apple, facendo virtude da necesidade, convertiron a optimización de custes en lanzamento de marketing: o iPod Shuffle dábache unha banda sonora cada día porque o reprodutor vai executando as cancións de xeito aleatorio. Coido que foi un fallo: coñezo a moitos potenciais compradores, identificados coa estética da mazá, que terían adquirido o Shuffle se o trebello lle permitira seleccionar esa canción que estaban buscando nun momento concreto.
Sen embargo, eu estou encantado co meu Shuffle dende hai ano e medio. Moitas veces, emprego a música como unha pura banda sonora da vida. Gústame o feito de que os ritmos dun paseo os marque o shuffle de xeito aleatorio, que mesture a Pearl Jam con Gilberto Gil e a Gil con Beyoncé. Especialmente polas mañás, cando paseo ata o traballo: un recordatorio de que cada día hai que apostar pola sorpresa, para loitar contra a rutina.

Sé o primeiro en comentar