Rivera na ribeira


Ordenadores de acceso libre na Fundación Caixa Galicia, A Coruña

Non foi sen tempo, pero aproveitamos o día para visitar a expo de Diego Rivera na flamante sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña e de paso, coñecer con calma o novo edificio deseñado por Grimshaw . O recinto é un prodixio de luz, de metal e de madeira, insospeitadamente lixeiro a pesar da súa estreitura e cheo de algo que a min me gusta especialmente na arquitectura: os pequenos detalles, o recuperar o efecto sorpresa como técnica de diálogo que moita da arquitectura contemporánea abandonara en favor do racionalismo.


Un exemplo do efecto-sorpresa nas pasarelas semitransparentes que acceden ás salas de exposición

Así que o edificio está cheo de pequenos detalles que emocionan, como tamén o fai a exposición de Diego Rivera. Teño que dicir que non percorremos as salas dun xeito habitual, senón ao simultáneo a unha grea de meniños de tres anos aos que unha animadora ensinaba como Rivera pintaba os seus lenzos. E alí pasou algo tan máxico como por desgraza pouco usual para min: diante do maxistral retrato estilizado de Maudelle Bass, exhibindo a súa espidez africana como a exuberancia dun xardín amazónico, os meniños sentábanse, cantaban, aprendían, aplaudían. Na moreíña de cativos, algúns de trazas asiáticas, mulatiñas, eslavas. O escenario portentoso ao redor de alta tecnoloxía e madeira noble. E alí estaban todos expresándose, tan naturalmente, en galego. Que estraño me soaba, que fermoso, que rico. Dinme conta cun calafrío da riqueza da nosa sociedade, se un día a maior parte dos nosos nenos pinchasen nas súas discotecas -ou o que usen cando cheguen ao seu tempo-, escribiran nos seus ordenadores, voasen nos seus avións, recibiran outras obras mestras da pintura universal nesta lingua, e nesta lingua dixeran:

–Que fermoso é. Que fermosa es -así no oído, de súpeto, aproveitando como vil excusa a visita a unha exposición de Gustav Klimt nesta mesma fundación, dentro de vinte anos.

Na última sala continúan as emocións. Alí están algunhas das últimas obras de Rivera, pintadas nunha casiña de Acapulco, fronte ao mar, recén regresado da fallida curación do seu cancro na URSS en 1956. Como exercicio relaxante, ao final da tarde, Rivera pintou unha serie de máis de vinte solpores, cheos de mestría, nostalxia, laranxas fermosos coma froitas. Pero o máis sorprendente é a recapitulación que fai, que todos os vellos fan cando din:

–Lembro moito mellor a infancia que o que me pasou hai unha semana.

Iso vese nos oito solpores que están agora na Coruña: non é o último Diego Rivera, senón o primeiro, o que pinta eses cadros de senectude. O que viaxou a Francia e imitou o modernismo, o cubismo, o impresionismo, tragando paletas coma se foran vasos de whisky. O que aprendeu as técnicas básicas cos seus profesores da madrileña Academia de San Carlos. O que fixo algunhas chuscas tentativas puntillistas. Alí, no momento da despedida. Os seus recordos eran, consciente ou non, técnicas que volvían dese feliz pasado mozo.

Fermoso paseo polo home dos ollos de sapoconcho.

2 Comentarios

  1. pili
    2 / Xuño/ 2006

    Fixen un blog para poder escribir cousas coma os agasallos que ti publicas no teu : xa o din de baixa. Gracias por ofrecer un “respiriño” tan fermoso ós traballos rutinarios como o meu.

  2. 2 / Xuño/ 2006

    Pois unha mágoa saber del e non ter tempo nin de lelo! Teríame gustado botarlle unha ollada.

    E grazas a ti por pasar por aquí de cando en vez. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *