De viaxe con Heródoto

Ryszard Kapuściński comezou no xornalismo elaborando pequenas crónicas de problemas locais en aldeíñas soterradas no medio de Polonia. Un día, perdido no límite oriental do país, e camiñando pola franxa desértica e boscosa que separaba Polonia de Alemaña, sentiu a necesidade de cruzar a fronteira. O destino dáballe igual: na escura Varsovia de posguerra e telón de aceiro a fronteira era algo distante e, na práctica, un espazo boscoso e desértico que separaba dous sistemas e dúas visións do mundo. O seu era a pura curiosidade pola percepción. Un día comentoulle a súa arela á redactora xefe.

Non tardaron moito en envialo á India, como correspondente especial. ¡Esa foi a primeira fronteira que cruzou! Baixo o brazo, levaba un agasallo da xefa: a Historia de Heródoto. Ese libro acompañaríao toda a súa vida, en boa parte das súas viaxes por África e Asia. Agora, Kapuscinski recrea nun desenfadado e sincero libro outonal como Heródoto se converteu no seu compañeiro de viaxe, histórico e real, ata o extremo de ler, reler, esfrangullar o seu texto.

O volume, Viaxes con Heródoto, é tan estraño que non hai xeito de clasificalo: enténdeo coma reportaxe, coma ensaio, coma memorias, coma transcrición. As voces de Heródoto e de Kapucinski vanse sucedendo en historias separadas por dous mil cincocentos anos de perspectiva. Pero as percepcións son similares. Heródoto fíxose moitas preguntas, viaxou moito para comprobar os feitos e elaborou un detalladísimo libro. Kapucinski chega despois e continúa facéndoas, sen deterse. Preguntas básicas, inmediatas, que buscan comprender a realidade cunha curiosidade insaciábel. Nada de pedantería. De súpeto, xorde entre as liñas unha lección de xornalismo. Preguntar o esencial.

E as escenas. ¿Como consegue Kapuscinski tecer un país, unha percepción, en tan poucas liñas? De súpeto atópase con Louis Armstrong na terraza do hotel de Khartum: o músico coas carnes desfeitas. Ou os desprazados movéndose tribalmente, como pantasmas errantes, no Congo, co único refuxio da multitude, trala independencia. Os pobres nas rúas de Calcuta. O taxista etíope co que só emprega dúas frases: “Problem? / No problem”. O hermetismo chinés. O primeiro Festival de Teatro do Mundo Negro en Senegal. O golpe de estado de Bumedién en Arxel. Ata que irrompe a guerra entre Xerxes e os atenienses, ou a derrota de Creso, ou a de Darío contra os escitas. Viaxamos no texto e no espazo e o escritor convértese en comentarista radiofónico disfrutando sen rubor de copiar as frases, de completalas coas súas propias apreciacións, fundamentalmente coloristas, en ton de crónica, beneficiándose da subxectividade do eu estiven alí. Kapuscinski aprovéitase das nosas referencias e voa sobre os acontecementos, enfocando con lupa os feitos decisivos para a súa viaxe en parella.

2 Comentarios

  1. 24 / Maio/ 2006

    Por certo, no seu libro ¨Lapidarium IV¨ nomea a Galicia como unha das vitimas do ¨colonialismo interno¨ de Gunder Frank.
    ¨As rexións ricas explotán ás mais pobres. Por exemplo, as provincias do sur do Brasil tratan coma colonias ás do norte do pais (…) Unha situación parecida observase en China (entre as provincias da costa e as do interior, de díficil acceso), en España (entre o País Vasco e GALICIA), etc¨.
    É o mellor reporteiro do século.

  2. 24 / Maio/ 2006

    Non lin o libro, pero non sería nada de estrañar. Hai unha sensibilidade moi especial en Kapuściński que ten toda a traza de provir e ser formado nun país pobre, recén saído dunha guerra, controlado por outro (a URSS) e vivir na periferia de Europa que incide directamente nas súas análises e nas cousas que lles resultan interesantes nos sitios nos que viaxa, e que se cadra un londinense ou un parisino non apreciaría do mesmo xeito. A min, Kapuściński resúltame moi próximo, se cadra por cuestións coma esa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *