As lesmas

Facendo etimoloxía-ficción, gústame pensar en como as palabras son transportistas de conceptos que levan as ideas ao longo do tempo; en como, ao igual cás persoas, cando chegan lonxe na viaxe descubren que a idea que transportaban fixo as mudanzas necesarias para sobrevivir no novo tempo. Así que convivimos con moitos termos dos que o significado actual resulta ser un reflexo cheo de ironía e humor do que orixinalmente expresaba. Velaí o español retrete, que evoluíu de ser o salón máis íntimo da casa á outra intimidade das casas actuais. A min góstame pensar tamén nas orixes das lesmas. Este molusco, habitante das sombras do bosque, das fontes e das humidades, con toda a traza de contar con nomes diferentes segundo a comarca do país, parece compartir orixe etimolóxica con Lamia, a deidade romana con corpo de serpe e cabeza e peitos de muller, condenada por Zeus a contemplar sen descanso e para sempe aos seus fillos asasinados. Lamia represéntase como hermafrodita, ou de sexualidade confusa, como tamén son as lesmiñas. E no País Vasco, as lamiak son o equivalente das nosas mouras. A Lamia romana tamén estaba vinculada, creo recordar, tamén aos cursos acuáticos e aos manancias.

E velaí que as deusas mudaron en humildes caracois sen cuncha.

4 Comentarios

  1. 22 / Maio/ 2006

    Unha das poucas paixons que tenho e a etimoloxia das palabras e a descuberta que me deches sobre a orixe das “lermias” gustoume muito.
    un saudo.

  2. 22 / Maio/ 2006

    Bueno, pola miña parte, máis que descuberta é pura especulación!

  3. 23 / Maio/ 2006

    Bueno bueno; se os da RAE din que morojo, fayado, carvallo, fame (e sabe Deus que mais) son palabras do espanhol; ti podes dicir que as lermias galegas venhen das lamias bascas. Ou non ?.

  4. 30 / Maio/ 2006

    Moi bonito, aínda que lesma vén do latín limace. Pero gústame máis a túa especulación. :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *