
Louis Daguerre (1787-1851), Intérieur de Rosslyn Chapel
Este verán abusei da paciencia dos meus amigos e nos achegamos ata a Rosslyn Chapel. Esta pequena igrexa fica a uns vinte minutos de Edimburgo, cidade que, como Santiago de Compostela, é quen de transformar o chan asfáltico nun verde prado de aires enxebres e marelas pacendo en cuestión de metros.
Veña, como non che ve ninguén, non te sintas avergoñado: si que sabes o que é a Rosslyn Chapel. Sabes que é o lugar onde acontece o capítulo final de O Código da Vinci. Eu non puiden resistirme ao morbo, así que mentres os compañeiros xogaban ao tute, eu visitei o recinto. Unha mágoa a novela: non lle fai o máis mínimo favor a este fermosísimo recinto no que o gótico está a piques de estoupar de fantasía no seu derradeiro alento. A capela comezouse a construir a mediados do século XV e a súa fasquía interior é alucinada. Centos de esceas pétreas concéntranse nos teitos, nos alicerces, no presbiterio. Aquí hai moitas fotos. Moitas delas inusuais e de apariencia misteriosa. Alí descubrín, por exemplo, os green men, unhas figuras da tradición medieval das Illas Británicas compostas por caras de homiños xurdindo bruscamente da follaxe.
A capela, de propiedade privada, é unha auténtica mina de ouro alimentada por xubilados do país e solitarios freaks do esoterismo, que medían as naves cos pés e facían aritmética cos motivos dos capiteis, se cadra na procura do Santo Graal ou da tumba do fundador John Saint Clair. Habia varios: unha enorme muller de corenta anos, totalmente pálida, dunha cabeleira que lle chegaba ata as cadeiras e da que sobresaía un mechón canoso coma a cola dun cabalo, pasou media hora sen moverse, observando sen pestanexar unha escea de anxos e arcanxos. Cheguei a pensar que estaba alí dende a colocación da primeira pedra. Un señor orondo de camisa hawaiana e cámara Yashica das vellas, movíase con aire misterioso e uns papeis nos que espiei un estraño gravado mil veces fotocopiado previamente.
Todo tiña un aspecto profundamente excéntrico. O afortunado propietario, o conde de Rosslyn, contaba nun folleto as vicisitudes da igrexa, beneficiábase do furor esotérico e aproveitaba para comentar os problemas de alcolismo e débedas do defunto do seu avó, un dandy.
Ao saír, sentín o doce rezumo da bosta das marelas.

Soy uno de los que esperaba al patrón de este blog sentado en una cuneta, y certifico que la capillita era todo un santuario de “frikis” de los misterios. No quiero imaginar la avalancha que le espera después del estreno de la película. Acabarán celebrándose olimpiadas de sudoku o, dada la costumbre de los “edimburgueses” de aprovechar las iglesias para montar pubs, abrir un bareto con camareras disfrazadas de templarias, aunque eso creo que hay ya uno funcionando muy bien por la carretera de Ordes. :D
Felicidades por el “lifting” y larga vida al Cero!!!
Garisa, xa nos indicará vostede como é que sabe tanto de templarias. :P