Lugrís Freire e a Alba do Século XX

lugris_freire.jpg

Afrontar todos os anos un especial do Día das Letras Galegas é un desafío importante, especialmente nun contexto de saturación informativa arredor do persoeiro homenaxeado. Por iso, en culturagalega.org tentamos nestas datas dar outra perspectiva sobre o autor. Gústame moito o concepto de universo cultural. É dicir, dun espazo multidireccional no que o usuario se move pola única acción da curiosidade e o interese. Fixemos o ano pasado algo similar a partir da figura de Lorenzo Varela: dende ese autor desenvolvimos a nivel multimedia o concepto de Exilio. Estes especiais dannos a oportunidade, tamén, de colocar documentos inéditos ou non existentes na rede nun contexto público propicio e tamén de experimentar con técnicas que nos interesa explorar.
A sorte que existía con Lugrís Freire foi o seu papel de intermediario en boa parte dos acontecementos relevantes para a cultura galega durante os primeiros anos do século XX. É dicir, Lugrís transportábanos ao lugar que quixeramos. De aí que creamos un pequeno universo a partir de dúas cidades clave na súa vida: A Habana e A Coruña, nas dúas primeiras décadas do século XX. Xogamos con mapas da época, introducímoslles personaxes, abrimos quioscos para baixarse a prensa do momento, creamos diaporamas á antiga usanza animados pola música de Chané e Quiroga, personalizamos a API de Google Maps para representar as institucións culturais da Coruña, infografiamos o caciquismo da época, amosamos o duro campo de acollida de inmigrantes de Triscornia -que pouca xente coñece-, abrimos unha liña do tempo e, por suposto, falamos de Lugrís Freire. A etapa remata cando baixas no quiosco virtual o xornal Galicia no 14 de setembro de 1923 e descubres a plana toda chea de noticias anunciando o Golpe de Primo de Rivera.

6 Comentarios

  1. 18 / Maio/ 2006

    Noraboa polo magnifico traballo. Ó da Habana esta moi ben (pouco se recoñece ó que fixeron na Habana por esta terra).

  2. 18 / Maio/ 2006

    Moitas grazas! E da Habana quedaron moitas cousas para outras ocasións: os enormes investimentos en educación feitos dende alí, por exemplo.

  3. Augusta
    18 / Maio/ 2006

    Parabéns pola boa iniciativa, foi unha mágoa que non saira en ningún sitio e os que soubemos del fose case “de casualidade”. De todos os xeitos aínda lle queda moito que mellorar á túa infografía. Imaxino que en breve nos volverás sorprender gratamente. Ánimo!!!

  4. 19 / Maio/ 2006

    Espero que moitas desas cousas da Habana saian á luz. Moitas veces penso que somos coma novos ricos que deseguida nos esquecemos de moitas cousas.

  5. 19 / Maio/ 2006

    Interessante o redesenho do blogue, com duas colunas no lado direito…

    Ainda não sei de é funcional a mudança, porque não tivem muito tempo para explorá-la, mas já che comentarei.

    De resto, um entorno muito agradável e menos saturado do que estava (com a minha cutreconexão abre-me sem problemas, cousa que não me acontecia antes).

    Ah, e excelentes o desenho e os conteúdos do especial de Lugris ;)

  6. 19 / Maio/ 2006

    Grazas, Augusta!

    Uz, encoméndoche a que me comentes sinceramente o cambio, pero en canto remate o redeseño. Aínda me faltan bastantes cousas, como as ligazóns a comunidades e tres ou catro conceptos que teño moitas gañas de probar xogando con algunhas APIs e fluxos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *