1000 posts en Capítulo 0

En Capítulo 0 xa están publicados un milleiro de posts, que se di rápido. Botei a andar este blog, de xeito experimental, o 14 de decembro de 2003. Algunhas cousas cambiaron dende entón. Cando comecei a publicalo, o fenómeno blog estaba comezando a medrar por todas partes. Logo viría o rápido 2004 e a gran explosión do 2005 e toda esta vaga de cidadáns publicantes e públicos da que teremos aínda que ver todo.

Nestes dous anos e medio, Capítulo 0 non cambiou demasiado. O autor é algo máis vello, se cadra durme algo peor, e adquiriu algunha nova carga que se agarra coma un chimpancé ao lombo. O formato do diario, con todo, segue sendo máis ou menos igual: un almacén de memoria suplementaria para a miña cabeza, unha mesa de cafetería, un banco de datos, unha parada de autobús no medio de ningures, rodeada de enormes fieitos e co logo da deputación comesto polo sol e a chuvia.

Capítulo 0 carece conscientemente dun libro de estilo formal ou informal, aínda que ao longo destes anos modificou o que os xornalistas chamamos o tratamento: do vós plural apela agora ao ti singular, e nese ti moitas veces está contido tamén o eu, un vós e un nós. Os eles, en Capítulo 0, non entran demasiado. Nunca me gustou o binomio parroquial do nós/eles. Como moito, nós e vós.

En Internet ás veces trasladamos as rutinas dos medios de masas e apelamos iloxicamente a un vós de mítin que se contradí coas audiencias de números discretos que teñen as bitácoras. Por iso emprego a segunda persoa cando escribo aquí. E gústame a comunicación con persoas de nome e apelido (ou no seu defecto, de IP coñecida), gústame tratar directamente con a, con b, con z. Algunha xente é anónima e ao mesmo tempo coñecida para min. Algúns intríganme, sobre todo pola súa constancia ou regularidade. Xente que accede en momentos concretos do día, antes de marchar do traballo, xusto ao chegar, no café da media mañá ou en desconcertante nocturnidade que só pode ser explicábel na busca de solucións a un desesperado insomnio. Outros son amigos de toda a vida, e os posts entran nas ceas, nas comidas e nos cafés de fin de semana coma o resto da vida que pasou pola semana. Moitas, moitas grazas a todos os que vos interesades por este blog. Moitas grazas polos comentarios, polas opinións, polo intercambio. Aínda non me acabo de crer que vos interese o que aquí se conte.

Máis que un medio, máis que unha canle de opinión, Capítulo 0 é unha ollada.

Unha ollada que tenta ser curiosa. Neste río inmenso do mundo, esta bitácora móvese como unha solitaria piragua india entre augas amazónicas. Ás veces gustaríame pararme nalgún meandro da selva da vida e determe alí, estudando con calma un feito, unha tecnoloxía, un diálogo. Pero o río vai demasiado rápido e arrastra de novo a túa atención cara outro lugar. Non me frustra. O xénero é rápido. Grandes historias se abandonan por outras que un considera pequenas: unha anécdota, un breve comentario, unha ligazón cando non hai tempo para máis. E un descobre con sorpresa que esa irrelevancia, ese divertimento, adquire un novo sentido nas mans dos teus compañeiros de ollada. A vista amplíase e prolóngase. Intelixencia distribuída. Dan Gillmor tense referido con ironía ao paradoxo:

-A diferencia da prensa, nos blogs os teus lectores saben máis ca ti.

Por suposto, Internet é público, pero esta ollada, esta conversa quere ser tamén sotto voce. Teño na casa unha ilustración que me fascina, que me obsesiona, publicada a principios dos anos 20 nunha revista de tendencias da época en España, La Esfera. Vese unha escena filtrada por unha vaga e cálida luz vermella que sae dun candil nunha mesa algo desordeada. Hai unhas brillantes e barrocas copas de viño case baleiras, no fondo o recuncho dun elegante local público. Unha parella comparte o mecheiro para prenderen dous cigarros despois de cear. Atópanse nun coidado restaurante, á vista de todos, pero o acto resulta intensamente íntimo e privado, e un séntese voyeur a pesar de saber que espiar en público é un contrasentido. Un imaxínaos falando entre susurros á vista de todos, en sotto voce. Capítulo 0 quere ser algo así: unha conversa privada nunha praza pública. Pásame con algúns dos meus blogs favoritos: o hábito diario crea un espazo privado e público, ao mesmo tempo, porque nel entran claves que antes non se compartían. Na prensa os teus lectores non sabían se o teu artigo era parido ás dúas da mañá cunha botella de whisky. No blog os teus lectores intúen que escribes ao rematares o traballo do día, antes de deitáreste, as fins de semana antes de comer. Esta canle é habitualmente en directo, e iso enriquece a transmisión de xeito humano.

Así que nada máis. Moitas grazas por lerme, por seguirme e por comunicarte. Agora, queda encher isto con outros 1000 posts.

8 Comments

  1. Anónimo
    15 / Maio/ 2006

    Parabens! e que sexan outros tantos e moitos máis tamén!
    torredebabel – fiosinvisibles.blogspot.com

  2. Anónimo
    15 / Maio/ 2006

    Parabéns

    el niño de la guía

  3. 15 / Maio/ 2006

    Pois moitas grazas! Iso tentaremos, torredebabel.

  4. Anónimo
    15 / Maio/ 2006

    Parabéns, descubro aquí cousas que doutro xeito non daría atopado no camiño.
    Só por iso, grazas.

    Ghanito

  5. Anónimo
    16 / Maio/ 2006

    Juan Castro:

    Noraboa, mestre Yoda

  6. Anónimo
    16 / Maio/ 2006

    Felicidades un pouco tardias. Escribes un dos blogos mais interesantes do blogomillo: variado, entretido e que ensina.
    Saudos de acedre.

  7. O de sempre
    19 / Maio/ 2006

    Noraboa, aventureiro. A seguir así outros mil máis. Que saibas que hai fans que te len con atención.

  8. 20 / Maio/ 2006

    Repaso de grazas: a Ghanito, a Juan, a Acedre, a “O de sempre”. Así, sabendo que hai vida no mundo exterior, dá gusto escribir. Quedan convidados a un viño cibernético ou, se o prefiren, algún día a outro máis líquido que permita “chatear” como toda a vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *