A Finlandia pásalle como a Portugal: as orixes do seu país están fóra del. Cando menos a perdida rexión de Carelia, un frío territorio situado hoxe tralas fronteiras de Rusia e que Finlandia perdeu trala Segunda Guerra Mundial, nun ensarillado proceso que me aforrarei contar aquí. Os interesados en patrias perdidas poden atopar información na Wikipedia sobre a fino-rusa Guerra de Continuación.
Carelia, sen embargo, segue ocupando un relevante papel no imaxinario finés. Moitos dos mitos do Kalevala –a gran compilación folkie de relatos tradicionais que elaboraron os equivalentes clons da Cova Céltica na Europa nórdica- proceden deste territorio de confrontación entre occidente e oriente: o propio escudo da rexión resume a liña divisoria das civilizacións co ferro da espada recta e o metal da armadura e a pel de boi do bárbaro mongol. Hoxe, da provincia perdida fican os descendentes dos repatriados na década dos 40, nomes de cervexas –a exitosa Karjala- e numerosas mencións nas conversas nas que os fineses contan a súa patria a un estranxeiro coma min.
-De Carelia dinse moitas cousas e hai moitas versións –dime Hannu.
-Teño tempo e estou interesado –contéstolles. Hai un sol fermoso e a xente senta en bancos corridos na Ylionpistonkatu. Eles míranse entre si nun xesto que recoñezo e doume conta nese mesmo momento de que cada versión de Carelia debe ter un número xeneroso de adeptos con poucas gañas de puntos de consenso, tal e como ocorre nestas incómodas comidas galegas nas que alguén tenta explicarlle Galicia a un estranxeiro nunha versión moi persoal.
-Farémoslle unha homenaxe a Carelia o primeiro de maio –conclúe Kimmo fumando na súa pipa.
Perdémonos nos bosques de Jaala, cegados polo brillo do xeo nos lagos aínda invernais. Aquí, algunha natureza está domeñada pola pegada do granxeiro e do cazador, pero por todas partes vive a pegada do bravío, da vida que discorre fóra dos cálidos muros de madeira. De xeito insólito, nesta luz refractaria do eterno solpor, aparecen numerosos alces ao carón dos camiños. Son exemplares noviños, cos cornos aínda incipientes, que agroman entre os maios cheos de medo, dubidan ante a nosa presenza, como forzando a comunicación entre especies. Un varudo granxeiro míraos cunha certa melancolía:
-Son noviños. Ata este momento estiveron coas súas nais, pero en canto estas sentiron a chegada da primavera, abandonáronos. Lei da natureza. Agora, esas crías están desorientadas e por iso nos buscan onde esteamos. Sobrevivirán. Aprenden rápido. E logo collerán medo e xa non volverás ver un nos bosques de non ser que os saques a tiros do último cocho.
Estas noites son eternas, abertas. Durmimos ao carón dos lagos. Escóitase un tren relativamente preto.
-¿Sabes a que distancia está a vía? –pregúntanme- A trinta quilómetros.
Son os cálculos da desolación, que é irmá carnal do silenzo. Nesa desolación quilométrica está tamén o camiño a Rusia. Nunha travesía a través de bosques, só cruzarías catro camiños ata chegar á fronteira, e a un poboado soviet abandonado no que só viven cans famentos coa tinta xenética dos lobos. O poboado creouse trala dolorosa retirada dos colonos fineses de Carelia. Con eles trouxeron unha cultura mestiza entre Rusia e Escandinavia, entre Oriente e Occidente, entre os sabores das especies e a cociña con graxa, entre os guisos vexetais, o emprego feliz de especies do leste e o endulzamento con baias do monte do oeste.
Así que preparamos a nosa homenaxe á patria perdida. Carelia cocíñase en fornos e lentamente, con materias pobres e directas, indixestas e resistentes. No primeiro plato, prepáranse supikas, unhas graníticas empanadiñas de avea recheas de nabo cocido en manteca e douradas na mesma. Kimmo e Auti amasan a fariña de avea con coidado: ten particularidades na súa preparación. Logo preparamos pelmeni, unha sorte de tortellini de tamaño considerábel, feitos con carne picada de tenreira fritida a partir da graxa de porco e asulagados nun preve de seta cantarellus.
-Vladimir Putin declarou unha vez que os pelmeni eran o seu prato favorito –comenta Kimmo- e fíxate na relevancia populista da declaración. Os pelmeni son o prato dos pobres en Rusia e o presidente do país alíñase con eles de xeito público.
Para rematar, prepárase un prodixioso prato de perola, o apposkaali, feito a partir de capas de pescozo de porco e costelas, que se van combinando con estratos de vexetais locais, os sauer kratu e os hapam kaali –non me pidan que os identifique. O guiso prepárase ao forno, durante cinco ou seis horas, e obtense un intensísimo preparado dun sabor arcano e consistente, que remata co teu bandullo se algo ficaba vivo aínda alí.
-Un brinde por Carelia –ofrecemos. E brindamos cun estupendo Pagos do Galir crianza 2002, ao meu xuízo o mellor tinto que sae hoxe das adegas galegas.
Afóra están retornando os cisnes dende o sur do continente. E o paxaro do demo, o kuikka, móvese entre os árbores. Saio a repousar o meu estado de absoluta gravidez até o xeo do lago. Unha brisa xélida lévame pensamentos. Uns ollos tenros, de animal consolado, míranme pendurados dunha árbore.

Formoso :)
Formoso :)