A miña vila


A Pobra do Caramiñal, mediados dos 60.

Ben, pois esta é a miña vila: A Pobra do Caramiñal. Rescatei esta foto dun álbume familiar: unha postal que debeu ser tomada a mediados dos 60. ¿A que é fermosa? Aí aparece a Alameda -segue igual-, a Mariña da Rúa Díaz de Rábago coa estrada correndo ao carón do mar, O Castelo ao fondo -onde estivo a Torre do Deán de Santiago, derrubada polas Irmandades-, en primeiro plano fronte ao parque a discoteca -de onde Julio Iglesias tivo que fuxir unha vez ante a ira local. No límite da foto, unha sucesión de praias. Aquí, fronte as árbores, as galerías do Casino e aquela pensión para viaxantes de roupa interior de señora, El Pará.

Eu quédome con detalles que só a vida formada nun territorio pequeno pode achegar. Ao fondo vese unha masa de altas árbores. É o que nós, no Colexio Santo Tomás -unha institución da que un día terei que falar- chamabamos a alcolitrera, por eucaliteira. Un perfecto lugar ao que escaparse a xogar cando remataba a clase ou había recreo. Pero descubro tamén cousas que non cheguei a ver por pouco: as tendas ao aire libre na rúa, a pedra rebaixada no Castelo para facilitar a descarga do peixe, a ría chegando ata a estrada. Cando había marea alta, o mar coábase polas contras no dormitorio e bailaba en forma de luz cegadora no teito, como centos de pequenas partículas luminosas que se axitaban como a propia auga. Un era cativo, espertábase a primeira hora, e aquelas siluetas de luz disparaban a imaxinación coma o máis fantástico dos contos.

A miña vila.

Ver anterior: o mapa de Pedro de Texeira

3 Comentarios

  1. 10 / Novembro/ 2006

    Buscando buscando atopei este comentario. Quedeime un pouco anonadado pq nunca pensei q puidese atopar algo así. A miña avoa foi da Pobra do Caramiñal, pero moi nova se veu para Vilalba q foi onde casou. Despois de moitos anos, na miña adolescencia, levoume a pasar un mes ahí de vacacións. Foi nos anos oitenta. Quedei prendido dese lugar tan maravilloso. Sentín por primeira vez na miña vida q as miñas raíces son de ahí, q pertenzo á pobra dende q nacín. I é q realmente teño moita morriña sobre este prezoso pobo. Non vou moito por falla de tempo, pero se puidese viviría ahí para sempre.
    Non son un turista. Séntome nativo, e séntome neno cada vez q recordo A Pobra do Caramiñal.

    XaN

  2. 18 / Marzo/ 2008

    Estuben leendo os teus comentarios da Pobra e gustariame saver si tes alguna foto do colegio Santo Tomas para la web http://www.desdepobra.com.
    Un saludo

  3. 18 / Marzo/ 2008

    José Antonio, non teño ningunha síntocho.

    Que cantidade de material antigo que tes no web!

    M.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *