
Preparando a procesión dos caracois
Os ritos mortuorios e flaxelatorios da Semana Santa resúltanme un tanto pavorosos. Sempre me sorprendeu, de pequeno, o contraste entre aquelas pequenas procesións de beatas que pasaban correndo, aterecidas polo aire frío e húmido da ría, na miña vila, e as multitudinarias teatralidades sevillanas que constantemente repetía a televisión.
Sen embargo, o outro día descubrín unha fermosa, por humilde e mínima, tradición galega de Semana Santa: a Procesión dos Caracois. Estabamos no Castro de Valdeorras, unha aldea empoleirada sobre unha antigua acrópole castrexa sobre o Barco. Durante todo o ano, os veciños colleitan caracois e limpan as cunchas. Na noite do Venres Santo, 0s aldeáns enchen as paredes, as rúas, os muriños de cachote, de centos de cunchiñas de caracol con mechas e alcol no seu interior. Nalgúns casos, tamén colocan piñas -pegadas con barro- e ferrellos soldados a presa.
Neste Venres Santo, a Virxe case non sae pola choiva. Pero a tradición é a tradición, aínda que provoque escenas fellinianas como a seguinte: á Virxe puxéronlle un chuvasqueiro translúcido que convertía a imaxenería barroca nun aparecido de película de Hideo Nakata; catro fermosas loiras locais, vestidas de minisaia de alto calibre e rigoroso e púdico negro sacaron a padiola da santa entre a escuridade do alto da aldea. Mentres, os homes prendían a golpe de soplete os centos de caracois, que se convertían en pequenas animiñas douradas ao paso dos crentes. O efecto, tan humilde, tan estrañamente disociado da procesión cristiá, parece remitir a unha época no que se cadra, os caracois gardaron outro significado para as xentes do lugar.

Sé o primeiro en comentar