Coda

(Sobre EnBlogs’06)

A mediados dos 90, os investigadores sociais analizaban a etnografía do virtual coma o País das Marabillas de Alicia: un territorio traspasábel, de normas en construción, diferenciado do MundoReal™. Mark Dery, por exemplo, editara o prodixioso Velocidade de Escape, un dos ensaios totémicos da cibercultura do momento, tentando comprender as novas reglas da identidade nese mundo virtual de tactilidades puramente simbólicas. Dery dérase conta dos impulsos puramente escapistas dalgúns dos máis creativos primeiros colonizadores do ciberespazo:

But placing our faith in a cyber-Rapture is a risky endgame a a time when the problems all around us clamor for immediate solutions. Posthumanist visions of the mind unbound and the Earth dwindling to a pinpoint in our rear-view mirror leave social responsibility behind, on the launch pad; they ignore the depredation of Nature, the unraveling of the social fabric, the widening chasm between the technocratic elite and the minimum-wage masses.

O feito era que a segunda metada da década dos 90 viviu o exceso da novidade da virtualidade inmersiva. Un futuro non demasiado distante podería estar formado por individuos interactuando en plásticos contornos programados e cun sentido atrofiado do presente local, xa inútil. Como na última fábula de Houellebecq. De xeito reiterado desde Mary Shelley, a modernidade debátese entre as necesidades e as consecuencias de creación de artefactos cada vez máis complexos, aos que introducimos, de xeito inconsciente, os nosos propios mecanismos perceptivos, deseñamos a partir de matemáticas e leis físicas orixinadas pola nosa propia percepción fisiolóxica do contorno e, que polo tanto, rematan por conter neles algo como de natureza humana, case bíblica. O cyborg, o imaxinario ser froito da converxencia entre humano e máquina, que xa viña construíndose como mitoloxía do posíbel dende os 60, gañou especial presenza co cyberpunk e singularizouse en Case, a torturada personaxe do Neuromancer de William Gibson.

Resulta incríbel que todas estas ideas se crearan especulando co que poderían facer os cutres e precarios programas Telnet do momento!

A fin da especulación
A realidade ocupouse de rebaixar este ton especulativo, especialmente cando Internet se demostrou como unha canle con gran capacidade de modificar e influír no MundoReal™. As extrañas comunidades de finais dos 90 mudáronse, en gran medida, por contornos bastante abertos nos que os individuos abren e pechan con normalidade portas do físico e do virtual para interaccionar en función do momento e dos seus intereses. Juan Varela amosou o cambio de paradigma: do avatar virtual á identidade de dominio público, a construción que cada un de nós elaboramos de nós mesmos para comunicar a través deste soporte e intervir nel e noutros. Internet convertíuse nun medio: o mundo virtual -no que todas as normas da percepción poden ser alteradas- está aínda un pouco máis alá, elixíbel, existente, pero tan só como opción. E non é a maioritaria.

Seguen existindo divertidas deslocalizacións derivadas de que a miña xeración chegou á vida dixital cun alento aínda analóxico. Con varios blogueiros teño comentado a inquedante sensación de coñecer a vida de alguén antes de coñecelo en persoa. É dicir, compartir códigos e claves íntimas. E iniciar a conversa como tres pasos máis adiante do que sería normal. En plan:

-¿Así que prefires A Rush of Blood antes que X&Y?

Ou:

-¿Segues analizando o censo de nomes de vacas?

Internet é unha materia real do Presente.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *