Ah, os 56 Kbps

As voltas que dá a vida. Hai máis de seis anos escribín o meu primeiro post nun blog do que xa nin lembro o nome e que non gañou máis gloria que a de ser campo de entrenamento de escritura de tags e de curiosidade cibernética. Del aburrínme nun par de días. Fora a boa de Rayane Becker quen me picara a curiosidade -en realidade, amonestárame: “que pouco interactivos que são vocês, os galegos”-. Eu vivía neste mesmo barrio, estreaba tarifa plana de 56 kbps sobre o meu tamén noviño iMac DV e nin a miña habitación nin ningunha outra das da casa tiña persianas, -bizarro feito do que nos dimos de conta pouco despois de asinarmos o contrato de alugueiro.

Hoxe volvo a ver o mundo a 56 kbps, de volta neste mesmo barrio e despois dun percorrido vital de traxectoria circular por esta cidade. Séntome diante dun Pavillion que non atura con gusto as novas xeneracións do tempo. E acabo de estrear conexión doméstica a 56 kbps. Esquézanse da navegación múltiple, con varias fiestras do navegador entrando en diferentes mundos ao mesmo tempo. Pénseno ben antes de descargarse algún software que non sexa necesario. Non miren videos en YouTube. Non arrinquen Pandora ou o Winamp en streaming. Non abran EP3. O vizoso mundo da Internet xa calza unha talla de zapatos demasiado grande para os venerábeis módems. Suspiro fondo e encho o espazo sobrante da bota con algodón.

3 Comentarios

  1. Anónimo
    21 / Abril/ 2006

    CheXire di:

    E logo que pensas ¿É certo iso de “é mellor ter amado algunha vez unha conexión ADSL agora perdida que non ter amado nunca?

  2. 22 / Abril/ 2006

    Ah…aqueles tempos. Lembro con nostalxia o deixarme levar por descargas de aplicacións frikis e ver trailers no sitio de quicktime de Apple…

    Quédame a web 2.0. e mira ti que ilusión ;-)

  3. Anónimo
    22 / Abril/ 2006

    CheXire

    Tómao simplemente como un tempo de ayuno e meditación, unha travesía polo deserto…

    Cando volvas á cruel civilización da hipervelocidade, o teu espíritu será moito máis forte ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *