lucky strike

Última actualización o 21 / Abril/ 2006

Ela vive nunha nube de sortes hoxe: agora mesmo, mentres escribo, comparte conversa e unha copa de champán con Paul Auster. Seino porque o estou escoitando nestes momentos, aí, no segundo plano do altofalante do meu teléfono móbil. Auster debe estar ao carón, porque percibo claramente o acento neoiorquino, falando un suave inglés de corteses xeneralidades de cóctel nocturno. O escritor debe sentirse cómodo: nalgún momento escóitanse confesións sinceras entre risos sobre a comida británica, a historia dun taxi, o sol. Mentres ela mo conta, a besbesullos, trémelle a voz, as palabras rebózanse en abraio. E a min o que me provoca son calafríos: aínda existen persoas que se emocionan por contactar. Que son felices facendo preguntas. E que agardan o contacto dicindo sen medo:

-Canto tempo había que quería coñecerte.

Porque realmente, sempre están na punta dun porto, agardando con atención os barcos que chegan pola vida. De súpeto o móbil énchese dun ruído como de papel albal retorto. Risos. Aparece a voz dun home en primeiro plano, que me fala de vagar:

-U know, you’re a fuckin’ lucky guy, man.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *