Hai que felicitar a National Geographic polo éxito do seu novo show: a posta en escea do Evanxeo de Xudas. Xa estarás cansa ou canso de velo por todas partes: uns manuscritos coptos, é dicir, escritos polas primeiras comunidades cristiás en Exipto, parecen indicar que o apóstolo Xudas, en realidade, ao traizoar a Cristo cumpria ordes estritas deste patrón. Sorpréndeme como penetra a noticia na axenda, e como os medios magnifican e multiplican a versión de NG. No imaxinario público, o feito de ser vello, misterioso e manuscrito confire máis veracidade ao manuscrito. Poucos parecen pararse en observar o contexto desta literatura exipcia: consérvanse na actualidade ducias de textos coptos de temática cristiá. Estas comunidades exipcias empregaron referencias, en gran medida, procedentes dos portos gregos do Mediterráneo e aplicáronlle a fertilidade fantástica da mitoloxía exipcia. Observemos este texto que aparece no Evanxeo de Xudas:
Xudas díxolle a xesús: “¿[Canto] vivirá o ser humano?”
Xesús díxolle: “¿Por que te preocupas por iso, cando Adán, e a súa xeración, viviron eternamente alí onde recibiu o seu reino co seu señor?”
Xudas díxolle ao señor: “¿Chega a morrer o espírito humano?”
Xesús díxolle: “Iso é porque Deus ordenou a Miguel darlle ánima á xente en préstamo para que poidan rendir servizo, sen embargo o Gran Deus ordenou a Gabriel outorgar almas á gran xeración sen señor que as dirixa -iso é, o espírito e a ánima. (…)
En realidade, a pregunta e a resposta encaixan máis na mentalidade dun exipcio que a dun xudeu da época. É tan sinxelo de comprender como comparar cos textos do evanxeo oficial -de procedencia grega e israelí-, nos que non se atopan preocupacións similares. Outros evanxeos coptos, por exemplo, narran como cando Xesús era neno e tiña sede, as palmeiras inclinábanse ao seu paso para darlle sombra e froitos. Outros detéñense nunha descrición das cidades anxélicas e dos diferentes tipos de anxos, nunha delirante literatura que despois tivo unha longa e retrancada traxectoria na Europa soterraña. Así que, ¿por que este vello texto se presenta como unha verdade histórica? ¿Será porque en realidade o que parece leximitar é a propia existencia de Xesús e dos feitos que levaron á súa morte?
Por certo, doume conta de que os evanxeos foron os primeiros practicantes da licencia 2.5 de Creative Commons. ;-)

Sé o primeiro en comentar