
The Constant Gardener (O xardineiro infiel)
Nas diferentes tradicións cinematográficas norteamericana e europea, a figura do produtor é moi diferente. En Europa, o produtor representa ao Capital. Nos Estados Unidos, ben, neno, é o Capital. Non sei se se me entende, posiblemente aquí a entoación oral funcione mellor que o texto :-)
A un produtor o que se lle pide especialmente é o olfato na selección do cadro técnico, na capacidade de atopar á persoa axeitada para contar unha historia. O xardineiro infiel foi, inicialmente, un best-seller de John LeCarré. Pero Simon Channing Williams foi máis alá. E contratou á persoa axeitada para a película, un thriller político ambientado en Kenia que aborda o poder crecente das compañías farmacéuticas no Terceiro Mundo. O designado foi Fernando Meirelles, o xenial director de Cidade de Deus. Meirelles imprímelle ao Xardineiro Fiel ese estilo xa probado en Cidade que se move entre a ollada documental, a experimentación, a subxectividade máxima da cámara para conseguir unha agradábel sensación de que o cinema aínda está por inventar. Channing afirma unha cousa sobre o resultado: “a nosa película, inicialmente, concebíamola como unha película feita por brancos, por Europeos, sobre a realidade africana. Pero Meirelles foi capaz de facer unha película dende o punto de vista de África”. Este mozo director consegue darlle a volta totalmente a un filme de encargo do que xa a perspectiva dun director por encargo ao que se lle veu todo feito: mesmo o de conseguir algo medianamente expresivo do soso, xélido e hierático Ralph Fiennes.

Sé o primeiro en comentar