Que queres que che diga. A min gústame esta tolemia de choiva. A desaparición eterna do sol. Un país eliminado da superficie da Terra: uns viaxeiros espaciais que orbitaran estas semanas arredor do planeta marcharían coa certeza de que non existimos.
Non hai problema: estamos acostumados.
Gústame a torsión que levan os corpos que loitan desesperadamente por protexerse dos mares que caen do céo. As cabezas, inclinadas, o lombo, torto, os paraugas que se portan como collidos do revés. Inclinamos as nosas cabezas cara o chan para protexernos da auga. É unha postura un tanto inútil, un tanto absurda. Dános medo que nos golpeen na cara e preferimos mollar o pelo. Gústame esa postura: fala de que seguimos vivindo nun contorno pouco controlado. Nestes días, aínda que molle o peito e a cara, camiño de fronte. Por inadaptarme un pouco. Un chiste interno.
Gústame a xente con pelo mollado e baixos de pantalóns que se arrastran. E o olor a humidade nas papelarías. Os tendais dentro das casas e as cociñas con tanto vapor que os cristais se cegan.
Alguén di:
-O eclipse verase a primeiras da mañá.
Apuntamos os nosos telescopios a unha URL.

Sé o primeiro en comentar