Consultores

O día, pesado, e a tarde, case unha noite dende despois de comer. No atafegamento do tráfico na Praza de Galicia, ás seis, numerosos trintañeiros de chaqueta e garabata agardan nos semáforos. Marchan con calma para colleren os seus coches.

–Non sabía que houbera tanto ambiente de negocios en Compostela -di o Visitante con indolencia, recostado con docilidade na traseira do coche.
–Non o hai -rectifica o Guía dende a outra beira do asento traseiro – son consultores, comerciais, vendedores. Non te imaxines executivos de multinacional, aínda que os vexas tan ben afeitados. Mira aquel: a consultora para a que traballa ten unha subcontrata de arranxo de fotocopiadoras para unha entidade local. E aqueloutro: vende seguros para funcionarios da USC. Esoutro rapaz tabula datos para unha Consellaría. E aquel de alí dá cursos de reciclaxe. Fíxate nos seus traxes: son de telas baratas porque os seus contratos precarios impídenlles comprarse Hugo Boss e a empresa esixe renovación constante do vestiario. Compostela é unha cidade para consultores, non para negocios – conclúe.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *