
Non puiden agardar á versión galega que prepara Rinoceronte da Posibilidade dunha Illa de Michel Houellebecq. Lina entre mares de chuvia exterior que, en comuñón co texto, invitaban á desaparición absoluta. Gústame o papel deste autor na república das letras da Europa occidental: nun tempo anémico para a creación e a controversia literaria, onde os escritores se senten máis cómodos falando da política que das letras –se cadra porque é máis doado-, a Houellebecq séguenlle a pór cualificativos na mellor tradición da polémica literaria decimonónica. Zaratustra das clases medias (Juan Cueto et al.), Agent provocateur (Edimburg)…este xeito civilizado de insultar non pode ser máis que unha beizón para a presenza do escritor.
A posibilidade dunha illa repite e reitera o argumento de Plataforma ou As partículas elementais, dúas novelas precedentes do autor. Un suxeito de mediana idade e vida insulsa –aínda que neste caso se trate dun cómico de éxito-, cunha moral volúbel e practicamente inexistente diagnostica a clase media francesa e, por ende, occidental. Neste punto as novelas de Houellebecq distáncianse da ficción e tocan as fronteiras do ensaio social de forma rápida e áxil. Como na novela prima de Fréderic Béigbeder, 13,99 euros, a disección incide nas pías da sociedade moderna cunha notable lucidez destrutiva, aínda que existen diferencias entre os dous paisanos: Béigbeder non dubida en amosar a corrosión do corpo. Houellebecq camufla o desencanto nunha teima menos paródica, procedente dunha corrente nihilista na que, se cadra, o mundo como tal sexa rexeitado nunha sorte de misantropía literaria.
Coma nas anteriores novelas do francés, na Posibilidade dunha illa sucédense as escenas pornográficas nas que o recreo psicolóxico do escritor é notábel. Nas personaxes de Houellebecq só fica un sentimento tras a desertización da súa esperanza: o amor, como salvación e redención na madurez esgotada e sen ilusións. Agardaba unha traxedia, como nas anteriores novelas, que finalice tamén con este illote. E, efectivamente, aínda que dun xeito diferente, a traxedia acontece.
As voces. O relato cóntase a varias bandas. Por unha banda está o cómico Daniel, de principios do século XXI. Da outra banda, están os seus clons do futuro, Daniel 24 e 25. Unha forma de encher folios coma outra calquera, xa que varias semanas despois de rematar o libro aínda non comprendín cal era o seu papel na narrativa. Os Danieles futuros len o relato de vida do Daniel primixenio. E compárano coa sua gris, etérea vida actual. Tan gris que provoca estupor e incógnitas sobre o tempo que perdemos na lectura.
Gústame aquel Houellebecq que reparte nos cimentos da nosa sociedade cunha valentía insólita de misántropo pasado de voltas e incómodo para todas as tendencias políticas: a do tipo que cun par publica un ensaio sobre Lovecraft no ano 1999 nun contorno literario tan cheo de tabús coma o francés. Alí define as súas motivacións:
“L’univers n’est qu’un furtif arrangement de particules élémentaires. Une figure de transition vers le chaos”.
E se cadra esta sexa a clave do seu ninhilimo literario. Pero no universo de Houellebecq, algún planeta xa deu a órbita completa e volve comezar sen que ao autor lle preocupe especialmente xa o desinterés do seu público. Unha posibilidade nihilista voa sobre o parnaso das vendas da literatura francesa.

Juan Castro di:
Levo anos intentando que Silvia lea “Las partículas elementales” pero a moi !*@#&!! non se acaba de animar. A ver se ti consigues convencela (e cando o faga, aínda vas levar ti os agradecementos, xa verás)
“Partículas” conmocionou no seu día bastantes “muros de carga” (que eu cría firmemente asentados) na miña concepción idílica da sociedade occidental, sempre camiñando cara o progreso infinito, aínda que tropezase ás veces con algunha pedra.
Pero ese libro despertoume bruscamente de todo iso. Foi aí cando o tren do eterno retorno me levou a estación posmoderna da vida…
– ¿Qué fue de los ideales?
– ¿Los ideales? ¡Una mierda los ideales! ¡Lo único que queríamos era follar!
E sen embargo, queda luz máis alá. Porque Houellebecq ten esa habilidade dos deuses verdadeiros (os ateos) para provocar, para cabrear sen que teñas ocasión de culpalo, porque ó mesmo tempo que che da unhas ostias, decátaste de que a iso ibas precisamente onda el.
E ten esa extraña habilidade de facer do Nihilismo máis abismal a maior das esperanzas.