Última actualización o 13 / Marzo/ 2006

Non son moi afeccionado a crer en prodixios, aínda que existen. A cada momento. En todo lugar. Son olladas perdidas demasiado tempo, caricias entre descoñecidos que se vinculan intensamente durante media hora de autobus, comportamentos case humanos do noso animal de compañía. Pero se andas algo duro de percepción, proba a ver como sucede un auténtico prodixio diante dos teus ollos, na pantalla. Ocorre na belísima película etnográfica A Historia do Camelo que chora, dirixida a catro mans pola mongola Byambasurem Davaa e o italiano Luigi Faloni. Non che vou enganar: a peli finaliza exactamente co título. É un filme documental que recolle a vida tradicional dos nómadas da estepa mongola, imprimíndolle un sentido narrativo de película que me recordou aos inicios do xénero, cando Robert Flaherty filmou a Nanook, o esquimal, en 1922.
Pero as cousas que pasan -os feitos que provocan que o camelo chore- son tan prodixiosas, tan reais e tan fermosas que provoca que quedes pampo diante da pantalla por minutos, convencido de que acabas de ter o privilexio de traspasar a fina liña de frición que diferencia entre si ás especies do planeta. E precisamente pola liña máis íntima, máis vulnerábel, máis intensa.

Ten boa pinta esa pelicula.
Un saudo de Acedre.