A primeira vez que soubemos que, dentro do xornalismo existía unha profesión chamada “verificador de datos” que consistía en revisar documentalmente o traballo do xornalista para que a súa información se publicase absolutamente sen ningún tipo de erro contextual suspiramos da nosa triste pobreza de recursos e fascinámonos pola rigorosidade profesional dalgún medio.
Esa figura do verificador de datos existe na revista The New Yorker, constitúe un departamento específico dentro da publicacion e cada verificador está asociado como apoio na sombra de cada un dos reporteiros estrela (suspiro de novo). Alguén que se asegura de se París chegou xa aos 11.200.000 habitantes ou se aínda segue en 11.174.000 e o inserta no teu artigo.
Pero a realidade nin era tan profesional nin estaba tan comprometida coa calidade do texto. Andy Young, un dos membros de verificación de The New Yorker, desvelou o motivo real: liberar á revista de posíbeis litixios. No país das continuas demandas legais por danos e prexuízos, o verificador é alguén que non se fía do xornalista e contrasta de novo coas fontes o dito por estas ao redactor. O xornalista, dá igual a sona que teña, desvela as súas fontes privadas, dá os números de teléfono e agarda o veredicto da verificación. Por exemplo: o redactor elabora un perfil sobre un ditador africano que contén declaracións sobre os peculiares métodos didácticos do gobernante sobre o seu pobo. Se no departamento de control non se fían, o verificador ponse en contacto directamente co ditador:
-Bos días, señor ditador. ¿Non me poderá vostede atender un segundo?
-Si, por suposto, dígame.
-Mire, quería saber se son certos algúns datos… ¿É certo que vostede afirmou ao noso xornalista que “destripo habitualmente aos membros da oposición abríndoos en canle cun coitelo de matadoiro”?
-Si, por suposto, díxenlle exactamente iso. ¿Necesita algunha precisión a maiores?
-Non. Moitas grazas, señor. Síntoo ter molestado, pero son as nosas normas editoriais. Moitas grazas, de novo.
-Mire, eu si que lle tiña que facer unha pregunta.
-Por suposto.
-Estou preocupado porque teño a sensación de que o seu xornalista me vai definir como “caudillo”.Sen dúbida, isto é unha incorrección e unha burla ao proceso democrático electoral do meu país. Reclamo que se me denomine como “presidente”.
-Verei o que podo facer, señor. Moitas grazas.
A existencia desta profesión é desacougante e, persoalmente, paréceme algo tenebrosa. Aquí a voz de Andy Young:
A cousa máis vergoñenta que me pasou no traballo da revista foi cando estaba corrixindo o artigo sobre Gabriel García Márquez que redactara John Lee Anderson. A Gabo non lle gustou o artigo, porque facía referencia a todas as súas casas e á súa vida de jet set. Correron os rumores que Gabo morrera, e o editor xefe pediume que chamara á súa muller para contrastar esta información antes de publicar. A súa muller afectoulle moito: ela mesma non sabía se o rumor era certo ou non.
Outra volta é a súa necesidade: para comprendelo precísase situarse na realidade norteamericana e nos reiterados escándalos de falsificacion xornalística dos últimos anos.
Foto: Aragón Digital

Sé o primeiro en comentar