Pedro J. Ramírez, director de El Mundo, inaugurou o congreso. Pedro J. fixo o clásico discurso de rememoración de xornalista veterano. “Dirixo o xornal dende fóra da redacción grazas ás novas tecnoloxías”, “merquei un libro en Nova Zelandia pero xa veremos cando chega”, etc., pero non deixou de botar silandeiras pullas a doquier. Deste xeito, lembrou a marcha da redacción de Mario Tascón e o seu equipo de 27 persoas que integraban e desenvolveran o exitoso modelo de elmundo.es dos seus comezos cara PRISA. Ramírez gostouse algo de vinganza en plato frío, reservándose ata hoxe a noticia da fichaxe de Arcadi Espada, ata agora xornalista de El País Cataluña, como columnista de El Mundo. Espada, que sostén un exitoso blog en español caracterizado pola súa combatividade contra tripartits e linguas propias. Pedro J. non avanzou moito sobre o futuro de elmundo.es, senón bailou sobre os estremos: mencionou de xeito paralelo confidenciais e páxinas que se “aproveitaban” do traballo dos medios de comunicación -supoño que en clara referencia a Periodista Digital-, advertindo que moitos están financiados por grupos de presión que non dispoñen da solvencia económica para influír en medio snoutros soportes. O director de El Mundo tamén sinalou que no novo contorno, a diferencia básica sería entre “xornalismo honesto” e “xornalismo deshonesto”.

Sé o primeiro en comentar