O século XX é un século de iconas e simboloxías visuais. Os nazis, como metáfora do poder absoluto, cumpren perfectamente co patrón contemporáneo: poucos se teñen resistido á fascinación de empregar a súa presenza como espazo narrativo, como telón de fondo ou coma os perfectos malos das nosas narrativas: brutos, intelixentes, totalitarios. Ando estes días envolto, por todas partes, de historias nazis. En primeiro lugar, por Der Untergang (O Afundimento), esa soberbia película de catro horas que dirixiu Oliver Hirschbiegel e na que sobrancea a esgotadora interpretación de Bruno Ganz, sen dúbida un dos máis serios profesionais da interpretación en Europa, que interpreta a Hitler. Probábelmente coñecen o argumento: a película narra os últimos días da Segunda Guerra Mundial dende o búnker do Reichstag onde se recluían Hitler e os fieis, pero é ao mesmo tempo a crónica do abandono da poboación civil de Berlín por parte da lunática cúpula do poder nazi e o desmoronamento dunha concepción do mundo no que a moral de derrota estaba penalizada coa morte.
Os nazis son un tema recorrente na produción cultural de calquera soporte no mundo occidental: cine, libros, videoxogos, recrean continuamente o seu tempo e sitúan aos protagonistas como enfrontados a neuróticos dirixentes nacional socialistas. Pero contemplo con estupor como acaban de aterrar en masa sobre a produción cultural galega, supoño que por unha estraña e curiosa coincidencia.
E aí están, na novela Cabaret Voltaire, de Santiago Jaureguizar (en Ribadeo e Berlín), noutra novela de lix, A procura do falso Grial, de Manuel Forcadela, na ambientación do Hamlet dirixido por Lino Braxe e que estes días pasea polos teatros do país, nos nazis vigueses en Nas catacumbas de Xavier Alcalá, en Pomerania, meu amor, de Heidi Kühn-Bode, ou de xeito indirecto nos Aguillóns de Ortegal, de Hixinio Puentes (hai soldados alemáns da I Guerra Mundial)…

Sé o primeiro en comentar