As aldeas da Serra do Barbanza están formadas por casoupas pequenas, de pedra escura e ríxida, sobre as que zoa o vento e as nubes pousan continuamente. Alí, nesa terra durísima, as aldeas teñen nomes vexetais e de árbores en singular. A Figueira, Sabuceda, a Graña ou de tarefas agrícolas: a Seara. O motivo: quizais nesta terra de toxo, de breixo e brañas, cada árbore -en individual- fose a única referencia diferente nun contorno de lombas interminábeis de toxo e braña.
A Tía María vive na Figueira. Pregúntolle polo Outeiro Redondo, un lugar que dende pequeno sempre quixen coñecer.
-¿O outeiro redondo de Brañas e Prados? -pregúntame.
-Ese mesmo.
-¿Onde están as riquezas de sete reinados?
-Pois debe ser ese.
A vella sinálame co coitelo e mírame con astucia:
-Sete de ouro
Sete de prata
Sete de veleno que mata
Rímonos.
-Pero por moito que caves -advírteme- non vas atopar nada! Xa moitos outros buscaron o tesouro antes ca vós e viñeron cas mans nos petos!
A tía María ten 85 anos e un envexábel enxeño.
O Outeiro Redondo é un pequeno alto á saída do chan de Leis, na desolación da meseta central dos chans do Barbanza. Ao carón do camiño real, un enorme penedo ovoide acolle un improvisado refuxio de cabalos. Da outra beira do camiño, unha mámoa cunha cista no seu interior delimita o espazo. Pouco máis abaixo, agachada nas voltas do río, está a Arca da Barbanza, un dos maiores dólmenes do país.
Os aldeáns controlan milimetricamente este espazo que a nós nos sobrecolle: eles coñecen todas as mamoas, -dino así, en grave-, contan sen rubor as claves da xeografía mítica superposta sobre esta enorme necrópole milenaria. Mouros. Galiñas con Pitos. Estelas de sete reis. Casas de condes. Lobeiras. Castelos. Lagoas. Torres. Tesouros de carlistas. Cruces de foraxidos. Nada existe, ou si. Ninguén o sabe. As alcaldías da Pobra, de Porto do Son, de Boiro, están a cometer contra esta extensión desolada e única múltiples iniquidades: horríbeis torretas de alta tensión, excesivas pistas abertas sobre as ondulacións do terreo, interminábeis filas de parques eólicos, das canteiras de extracción de area, tolerancia contra o inferno dos todoterreos, os quads, as motos de cross. E, aínda así, estes chans misteriosos continúan tendo unha poderosa atracción lunar que deberiamos loitar por preservar.
Ás aldeas do alto da serra non chegou a electricidade ata mediados dos oitenta. Afortunadamente para a poboación, que segue a vivir no fondo das pequenas crebadas que fai o terreo, recolléndose do frío igual que hai 4.000 anos, hoxe en día dispoñen de comunicacións máis ou menos dignas. A memoria, sen embargo, está desaparecendo como grans de area.
¡Quen tivera tempo para poder recoller o que queda!

Encantoume esta historia da Barbanza, as suas aldeas, as suas lendas e os seus habitantes.
Un saudo de Acedre
http://eueoseeuu.blogspot.com/
Encantoume esta historia da Barbanza, as suas aldeas, as suas lendas e os seus habitantes.
Un saudo de Acedre
http://eueoseeuu.blogspot.com/
Grazas, Acedre. Quen tivera tempo para contar todo o que ve. :-)
Este post es precioso, lo he leído tres veces seguidas. Me apropio del:
Sete de ouro
Sete de prata
Sete de veleno que mata
como un conjuro personal…
bicos para tí,
bellota
Este post es precioso, lo he leído tres veces seguidas. Me apropio del:
Sete de ouro
Sete de prata
Sete de veleno que mata
como un conjuro personal…
bicos para tí,
bellota
Boas tardes,
Lin a historia que relatas, da paisaxe da Serra da Barbanza. Creo que é realmente especial, coñecina este verán, e pese a todos os elementos nocivos que se poden apreciar, como ti ben dis, creo que garda un encanto orixinal no seu conxunto.
Teño unha pequena dúbida, con respecto ós núcleos poboados das aldeas que rodean a penichaira da serra : A Graña, Afigueira, Balteiro, A Graña, Lindón, Noceda e Sabuceda.
Teñen lugares de culto? é dicir igrexas, capelas, etc.?
Unha aperta.
No alto só hai un cruceiro! A xente dependía das parroquias de embaixo. Pero ese cruceiro tiña un valor simbólico moi elevado. O seu “santo” tiña relación coas choivas e as sequías. Sobre a existencia de capelas, non teño constancia.