Consigo pechar Corazón de Ulises, un viaje griego de Javier Reverte, e sorprendido penso para min: oes, é o primeiro libro que consegues rematar deste tipo. Antes tentárao con Vagabundo en África e O soño de África. Deixároo por desleixo, por aburrimento. Unha sensación extraña pero que ten que ver co pavor que me inspira ler tópicos de máis de trescentas páxinas.
O principal problema que lle vexo aos libros de Reverte radica en que son viaxes vagos –palanquíns, diría a miña avoa- por unha paisaxe imaxinaria, literaria. Ata aí non hai problema, por suposto. Pero claro, chea o momento de inserir esa literatura no mundo real que estás a percorrer. De darlle carne de libro. E o escritor non se atreve a arriscar nin un dedo máis que calquera turista vago que se conforma coa vista pasiva de monumentos que tampouco lle importan demasiado. A realidade, un aspecto incómodo, se prefire interpretar a través dos libros que se levan na maleta que, por riba, tamén están escritos por outros estranxeiros. Aos seres humanos, eses obstáculos inevitábeis para a nosa paisaxe imaxinada, déixaos no cómodo armario da Historia. Nos libros de Reverte, a presenza humana actual a penas vai alén do persoal de hostelería local e fugaces aparicións de terceiras persoas. No prodixioso Mediterráneo Oriental que percorre seguindo as pegadas da Odisea en Corazón de Ulises, Reverte non arrisca a coñecer o mundo real polo que transita, non se atreve a interpretalo sentado ao carón das persoas que o viven. O chanzo máis moderno, tras Aristóteles e o Museo de Alexandría é Cavafis. Grecia, Turquía, Creta teñen moito máis (supoño). Albíscanse tímidos intentos nos días de lecer de Reverte en Ítaca e as súas conversas cun gordo hostaleiro, e se cadra coas vellas damas de glamour de alcanfor de Alexandría. Pouco máis.
Gústanme os viaxes nos que un se mergulla na Historia. Pero a Historia, mesmo a máis antiga, séguese desenvolvendo no presente. Comparo a obra de Reverte coa de Kapuscinski ou Enzensberger. Estes dous xornalistas preparan a conciencia a súa chegada ao terreo, alternan as lecturas coa busca de fontes, de conversas máis ou menos informais. Pouco a pouco vaise tecendo a madeixa de pasados e presentes que conforma a vida das xentes contemporáneas. As viaxes a lugares míticos deberían ser iso: unha gran ollada a través de persoas e séculos. Pero partindo de hoxe.

Sé o primeiro en comentar