Dos vales mineiros asturianos o diñeiro marchou por esa autoestrada que lle construíron cando a industria se retiraba: pola noite, arrepía ver os fumes da térmica de Llangreu caendo sobre as inmediatas casas dos obreiros. Esta arquitectura regular é gris, húmida e desterrada, cuberta de pintadas de anarquismo e de pancarta sindicais oficializadas nas fachadas dos concellos como última invocación desesperada. O diñeiro destérrase, un século exacto despois de chegar. É o que duran os ciclos da sociedade industrial.
–Tentan converter estas montañas nun enorme parque temático -dime Juan.
Non é doado atopar modelos de desenvolvemento para estes estreitos e escuros vales. O turismo semella unha panacea, pero nun modelo racional e exitoso, as explotacións de lecer darán de comer a poucas das moitas familias que viven aquí. Aquí, no alto dalgunhas montañas, o preciosismo da arquitectura rural asturiana desaparece; a roupa revella, transmitida coma os contos de xeración en xeración de cativos, énchese da poalla ácida en tendais flacos coma cans. O contorno, alterado, de feísmo duro, terá dificultades mesmo para se converter en dormitorio da cidade astur.
Astur. Na Asturias autonómica as ideas e os conceptos publicitarios e políticos son astures e xa non asturianos. Ollo coa semántica, o signo e o significado da nova identidade.

Un comentario