un rueiro

Última actualización o 3 / Febreiro/ 2006

Ao saír do traballo, distraído, desvíome en dirección contraria durante cinco minutos.

Minto: en realidade, a inercia cerebral levoume polo camiño da miña casa vella, na que vivín ata hai un mes. Aquel camiño de 9 minutos contados (sen incluír o tempo do café) estaba cheo de pequenos rituais. Cando volvía á casa, á mediodía, cruzábame cunha xerente de trinta e tantos que mesmo nos días máis escuros do inverno levaba gafas de sol e un reprodutor MP3 a todo volume cos 40 principais. Camiñaba morta de medo e agorafobia ata o refuxio escuro dun baixo de xestoría. Eu medía o meu retraso polo seu mundo puntual e exacto. Ao saír da casa, pola mañá, vivía unha escena como de peli independente americana: nunha volta de rúa chea de frío e vento, unha dona clásica de barrio, co seu delantal, marabillábase a diario de como se aliñaban as pombas en perfecta cadrícula nas paredes dunha casa ruinosa. “Que fermosura”, dicíame todos os días. Tiñades que ver como sorría: todos deberiamos fascinarnos así polas pequenas cousas.

Ao baixar, as gaivotas chiaban no alto, e eu, que vivín fronte o mar toda a infancia, non podía menos que desexar ver o porto cheo de barcos á volta de San Roque. Un vello xenófobo, cando volvía, recibíame sentado á porta do seu antigo comercio, nunha tétrica pasaxe, desexando que eu -ou calquera- fose un ladrón que lle roubara a tenda e así poder confirmar a súa versión doméstica do fascismo e morrer en paz. Nunca lle din o pracer, non había nada de interese nesas estanterías de salsa de tomate caducado á espera do incauto ou un resacoso de sábado a mediodía.

No recanto da miña rúa medraban cogumelos xigantes, gatos de cores imposíbeis, reis de ouros e estarcidos pararevolucionarios en a penas dous metros cadrados. Cando as monxas lañaron -ilegalmente e baixo a anuencia xeral- unha porta na parte de atrás da muralla, a horta de tralos muros mudou de imaxinación morbosa enpura prosa, pero gustábame entrar e ver como eran aquelas hedras de cabaza. Dende fóra, no alto do muro altísimo, aparecían bulbos verdes de cabelo de anxo.

Máis abaixo, había prazas, luces, e na Algalia de arriba, na esquina máis estreita, era sempre estresante escoitar os pasos -como soan obscenos e enormes os pasos no medio da Algalia- de algún oficinista que chega tarde á súa lectura matinal de xornal.

2 Comentarios

  1. Anónimo
    3 / Febreiro/ 2006

    que bo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *