Pedro Texeira, un cosmógrafo portugués, realizou en 1634 os máis fermosos mapas da costa galega que se teñan debuxado. Pero por fermosos non deixaron de ser inexactos, a pesar da súa orixe militar. A viaxe ao pasado que propoñen lémbranos cousas interesantes, como cando a miña vila eran dúas, en realidade. A Prova -así aparece neste mapa-, un antigo lugar de pescadores dependente do Deán de Compostela e o Caramiñal, unha vila burguesa propiedade do señorío de Xunqueiras. Non se unirían ata finais do século XIX, pero a lembranza popular xa case non se lembra do feito, aínda que as procesións das dúas parroquias da vila chegan aínda ata as lindes dos vellos concellos e non pasan o santo cara o territorio da rival.
A fermosura do trazo do mapa non casa demasiado cos datos xeográficos. Texeira magnifica o regato que posiblemente facía de división entre as vilas do Caramiñal e a Prova, hoxe encañado pero que eu aínda lembro saír por un recanto do porto. Palmeira, un dos principais portos da Ría de Arousa nesa época, non aparece. Outros accidentes xeográficos son resaltados, e o mesmo acontece con mosteiros ou lagoas. Un ten a percepción de tentar descifrar a patria dun a partir dos ollos dalguén que filtrou a paisaxe por motivos non moi claros.
A costa galega en PDF en culturagalega.org

Perdoaselle a inexactitude matematica pola beleza artistica.
É certo. O mapa dá moitas sorpresas. No mesmo Barbanza, non aparece Aguiño -como é lóxico, porque non existía- pero si unha aldeíña próxima que se chama Paredes, moi perto das rochas de Couso, que non lle soa a ninguén de por aí con quen teño falado. Se temos en conta que o mapa parece debuxado como “dende o mar”, terá desaparecido ou cambiado de nome ese lugar -no sentido máis galego do termo?
É realmente bonito. Também é curioso observar como para os topónimos castelhanizados utilizar a ortografia castelhana (p. ex. Lagraña) e para os topónimos galegos a ortografia portuguesa (Arouça ou Ocaraminhal). Suponho que haverá excepções ao que acabo de dizer, mas foi a impressom que me produziu uma primeira olhadela ao mapa.