Gústanme as novelas que miran na outra cara do espello. Así acontece en El turno del escriba, escrita a catro mans polas arxentinas Gabriela Montes e Ema Wolf. A novela, que foi Premio Alfaguara de novela 2005, ten como argumento o proceso de escritura do Libro das Marabillas de Marco Polo da man do escribán Rustichelo de Pisa na cadea de Xénova onde os dous están presos vítimas das guerras da convulsa Italia medieval. O turno do escriba detense na figura desaparecida de Rustichello, do que non sabemos máis que o nome. Dálle un pasado, un carácter e unhas pretensións de futuro. As autoras empregan tamén ao escribán como vehículo para coñecer un colorista tapiz medieval. Gostei desa narración do proceso de escritura dun manuscrito: Marco Polo contaba aquelas historias de países remotos e exóticos e impronunciables nomes pola noite, Rustichello escríbaas ás agachadas durante o día tirando dunha memoria confusa. Se cadra un bote en falta que non dean entrado máis na personaxe do veneciano Polo, que a penas é un busto parlante nas mans de Wolf e Montes pero non deixa de ser certo, como di o propio título da novela, que a novela reivindica a figura do escribán, case anónimo, que comeza a distinguir as diferenzas de estilo entre novelas, tratados comerciais, entretemento e o que a vaidade ten que dicir en todo isto.
Máis:

Be First to Comment