mp3

soares

As campañas para as Presidencias de Repúblicas sempre me chamaron a atención e a curiosidade de turista político. Os seus lemas son un tanto diferentes aos das broncas de elección parlamentaria. Persoalistas, magnánimas; nelas resucitan as vellas glorias da política, agora vestidas de maxestuosidade honrada e espírito paternalista. Neste Portugal do 2006, sorpréndeme, coma sempre, as modestas dimensións humanas deste electoralismo. Unha pérola neste teaser da RTP no telexornal da mediodía: Cavaco reúne a mil persoas para xantar. Novato!!! -pensaba eu mentres lembraba pantagruélicos actos políticos no alto dos montes galegos.

Mário Soares, por exemplo, sae do cadaleito cando o iluminan os raios da lúa da crise. O chamamento é directo, de salvador da patria. O seu cartaz para tódolos públicos así o amosa: Sempre presente nos momentos difíceis. Pero o vello raposo Soares amosa ser o político de olladas máis amplas neste país deprimido. Velaí está o movimento MP3. M(ario) P(residente)03. Con rima simplista e apariencia cool. E unha explicación didáctica, realista ata a crueza na páxina de inicio do web electoral da marca postadolescente da fábrica Soares:

Ser Presidente nâo é ser primeiro ministro. Sabías que o Presidente da República pode até dissolver a Assembleia mais nâo pode nunca governar?

Márqueting electoral destinado a inocentes na política e primeirovotantes? Ou, máis ben, producido por inxenuos políticos que cren que mellorarán, dese xeito, as súas posibilidades de penetración no mercado do escepticismo xuvenil?

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *