Coido que é a primeira vez que, no Estado, se aposta pola interacción directa entre unha serie de TV e a web como continuadora das tramas e intrigas. Falo de Roma, a aposta millonaria de Cuatro para as noites de martes. A serie, ambientada dende a época previa á guerra civil entre Pompeio e Xulio César ata o establecemento do Imperio, afonda nesa construción novelesca do mundo romano como civilización depravada elaborada polo perverso puritanismo británico do século XIX. Aínda así, atopeina bastante interesante e cun ritmo que lle facía algún tipo de homenaxe poética ao Eu, Claudio, tan magnificamente producido pola BBC nos anos setenta.
Durante o tempo de emisión de Roma hai constantes apelacións á web promocional. Alí atopeime estes gráficos típicos da factoría PRISACOM para aclarar ligazóns entre as personaxes, descargas de fondos de escritorio, sinopses e fotogalerías de capítulos, nun modelo claramente importado das webs promo do cine e tamén das grandes series norteamericanas.

CheXire di:
Eu quedeime totalmente enganchado a “The 4400” así que non disfrutei demasiado de ROMA. De todas, formas o que vin pareceume máis que interesante. Supoño que xa teño plan para a noite do martes ;)
A verdade é que por sorte a estética parecía alonxarse dos cutrefilms tediosos de 50 horas que Tele5 ou A3 lle adican de cando en vez a Cleopatra ou Xulio César (habería que facer estadística de en cantos deles sae Geraldine Chaplin, que me da a impresión de que está en todos…).
Respecto o da extensión das tramas na web,é un concepto chulo pero ¿cres que hai moita diferencia “de facto” entre iso e o que fai Tele5 cos foros, resumos e ¡incluso gráficos! sobre Gran Hermano? Dalgunha forma, tamén se extenden as tramas… É unha pregunta, non unha afirmación rotunda ;)
Por certo, a propósito de sagas famosas e gráficos de Prisacom. ¿Viches aquel que fixeron cando se estreou o Episodio III de StarWars? Aínda o teñen na sección cultura do Multimedia por se queres botarlle unha ollada.
Si, efectivamente, concordo contigo en que Tele5 aproveitou moi ben a web como prolongación do espectáculo dende a primeira edición de Gran Hermano. Ao meu ver, a súa estratexia -moi efectiva- baseouse dende o principio nos foros e na comunicación entre espectadores. As áreas de ampliación nunca foron moi completas, agás aquelas destinadas aos perfís dos concursantes. Pero a web como prolongación de tramas de fición -por suposto, poderiamos debatir longo sobre se Gran Hermano é fición ou non- non era algo tan habitual.
A diferenza principal entre as webs oficiais de GH e Roma é, ao meu ver, isto. En Roma non se privilexia tanto as relacións entre usuarios pero se esforzan en prolongar a experiencia con contidos de merchandise dixital (fondos de escritorio), gráficos, argumentos, etc. En GH, pola contra, o usuario ten un papel determinante para a alimentación de contidos do sitio, a través do que el mesmo publica. Por suposto, son produtos moi distintos. Pero nos dous casos, a estratexia web parece bastante ben pensada.