Arrástrome polas miñas rúas para comprar o quintal de prensa de fin de semana. Entro no quiosco: a rapaciña que atende está moi nerviosa. Fíxose un piercing moi discreto hai meses no nariz. Trémenlle as mans. Non é capaz de sumar tres xornais.
–Perdoa, perdoa, perdoa -di a toda velocidade- acaba de estar aquí a dona e se non llo digo, é que non podo, estaría dando coa cabeza contra as paredes toda a mañá.
Sei que hai que pararse e escoitar.
-Teño un contrato só por catro horas e traballo oito. A xefa non me pagou máis que douscentos euros dende setembro. E aínda me quere denunciar. E pretende facerme pagar os xornais que non vendo, ou os que veñen estropeados. Agora baixaron moito as vendas: bótame a culpa a min, di que lle espanto os clientes. Mira que para ir eu a un sindicato.
Cando marcho, ela chámame e rise:
–A moi cabrona di que a culpa é do piercing. Aínda cachondeo.
Sigo camiñando e vou mercar o pan. Esta duradeira saga familiar de artesáns, pura carne de reportaxe de Roberto Qmata, continúa e se expande. Hai unha señora madura, delgada, con enormes pendentes de ouro, con ese tinte dourado no cabelo tan propio das mulleres da clase media galega, que fala por teléfono co fortísimo acento compostelano:
–No, a la tarde te voy a Sanxenxo. Si, mamá ya está allá. Dijo que con ese ambientazo de los yates que era aquello una maravilla. Si, yo también marcho al pisito nuestro, sabes, el que compramos el año pasado. Chica, venid cuándo queráis.
Á volta, cos riquísimos croissanciños en bolsas de papeis, vou repasando as portadas. E nos feitos do día, teño a sensación de que os xornalistas volvímonos a esquencer de cousas importantes.

Sé o primeiro en comentar