Aos supostos praceres prohibidos de Amsterdam pásalles como ás praias nudistas, unha vez que estás alí perden o morbo e pasan a ser lugares normais. Todo o mundo coñece as dúas facetas perversas desta cidade: a prostitución e 0 consumo máis ou menos legal de drogas brandas. Movémonos polo Barrio Vermello. Estas mozas que amosan carne no cristal chámante obscenamente se vas só e chíscanche un ollo complice se vas coa túa moza. Nese mosaico que son as fiestras das casiñas da cidade, aquí exhíbese unha xamaicana case adolescente baixo un neón púrpura; na fiestra do carón un vello canoso toca o piano. Unha pranta máis arriba, unha nai peina a unha nena mentres se divirten mirando aos pasmados turistas deste micromundo kistch. Un holandés sae dunha porta refaixando o cinto e un grupo de españois aplaude ao bravo dende a parte de enfronte da canle.
No barrio vermello altérnanse burdeis e coffee shops, os negocios legais de consumo e venda de cannabis e haxix nos que só hai turistas e inmigrantes de ollada disolta. Os fungos alucinóxenos véndense, xunto con drogas de deseño, noutros locais. Pero tanto os coffee shops coma estes mushroom shops teñen prohibida a venda de alcol. Paradoxas. Por entre os rapaciños estranxeiros que entran nos coffees pasan vellas con caniches de perruquería. A dez minutos, por certo, está o monumento Homo, o primeiro monumento erixido en homenaxe aos homosexuais represaliados na historia.
O máis fascinante é que non pasa absolutamente nada con estas cuestións. Os coffees nútrense, sobre todo, de turistas que queren probar sensacións prohibidas nos seus países. E os escaparates de prostitutas a penas espertan o interese dos camiñantes locais. Todos os que se escandalizan e profetizan apocalipses ante a evolución normal da sociedade deberían darse un paseo por estas rúas nas que a sociedade xa deu máis pasos cara a liberdade persoal. Descubrirían algo moi importante: despois do destape moral, todo, todo segue case igual para un mesmo.
Perdón, menos unha cousa: a tolerancia fai máis guapas ás persoas. :-)

Sé o primeiro en comentar