Última actualización o 26 / Outubro/ 2005
O banquete da milicia, de Bartholomeus van der Helst (ca. 1649)
Amsterdam viviu o seu esplendor, a Idade de Ouro, que lle chaman os holandeses, a mediados do XVII. Coincidiron varios factores: a emancipación efectiva da ocupación española (1670), unha fértil estrutura social decidida a conformar algo novo a partir de elevados volumes de monetario –os xudeus expulsados en 1496 de Portugal e unha posición estratéxica entre o Báltico, CentroEuropa e as diferentes colonias. Esta sociedade foi estruturada especialmente por unha moderna burguesía, moitas veces de dubidosa orixe social pero participante directa do furor do protestantismo; a febleza de clases sociais non produtivas –aristocracia e clero- permitiu un continuo reinvestimento do capital en novas empresas comerciais e artísticas. Ao fin e ao cabo, a Igrexa da época puidera ter convido cos novos herexes que o fin último do homo sapiens é encherse de bens intanxíbeis. A cuestión de se deben ser bulas ou accións da Compañía das Indias Orientais, unha das primeiras multinacionais comerciais do mundo, é menor e consensuábel.
A Amsterdam dourada do XVII foi a conformadora da identidade nacional holandesa. Os edificios historicistas do XIX, o Rijksmuseum, por exemplo, aspiraron a reinterpretar politica e artisticamente o pasado glorioso desta comunidade que vivía entre canles. Había un problema: a Golden Age tiña tanta penuria arquitectónica como gloria nas artes, nas crónicas de viaxes e nas contas bancarias. Xogando á elipse territorial con caneos prácticos e sen rubor, os arquitectos do nacionalismo holandés introduciron os clásicos elementos do neogoticismo inglés, como fiestras arqueadas, vidreiras miniadas, pináculos inmediatos. Esta cidade de mercaderes a penas cambiou, no seu exemplar tratado urbanístico, en varios séculos, e o motivo non foi nin a penuria económica nin o conservacionismo, senón máis ben o descubrimento temperá da presión inmobiliaria –o territorio da Amsterdam intramuros era moi reducido- e a normativa fiscal da cidade, que hoxe igual que hai varios séculos, segue a gravar sen misericordia os metros de fachada. Os prezos no mercado non son embargo, tan desaforados como se puidera pensar en relación ás grandes metrópoles do globo: unha fermosa casa completa do XVII con 130 metros cadrados habitables cantan medio millón de euros. Piden pouco menos por un mínimo cortelliño sen restaurar na última calexa de Compostela.
Pero Amsterdam non é unha cidade barroca, non ao menos no sentido que o poden ser os cadáveres urbanos de Nápoles, Salzburgo, Viena, a Valencia do XVII, desmedidas na súa exhibición sacra e nas dimensións dos pórticos enrevesados dos pazos da aristocracia urbana. Un practicismo radical envolve todas as rúas da cidade, dándolle aos paseos o aspecto da monotonía pacífica requerida polos burgueses. Sucesivas casas con hastiais –os característicos remaches da cidade- sucédense ao redor das canles e antigos propietarios de provincias na India e escuadras completas de galeóns vivían coas súas pequenas familias en 300 metros cadrados máximo. Os edificios comúns, da res publica, tamén padeceron dun axustadísimo orzamento e camúflanse no contorno como camaleóns e sen pretensión de provocar imposicións visuais. O seu orzamento debeu ser ben limitado.
Enriba dun hospicio hai unhas gafas talladas. Aluden á vellez dos anciáns abandonados alí acollidos. O Amsterdam Historische Museum –o museo local- albérgase nun antigo orfanato. A curva dourada, unha volta de canle no Herengracht de escuras árbores e auga maina, famosa polas súas mansións ostentosas, acolle algunhas institucións. A maior parte dos grandes espazos de traballo agáchanse na arquitectura como fuxindo do viaxeiro, obrigando a distinguilos pola numeración da rúa dos seus veciños. Pinto, un mercader lisboeta, pagou a astronómica cifra de 30.000 floríns para presumir de casa no antigo barrio dos xudeus exilados: se pensaba perdurar coa casa ía aviado. A pobre perde o seu deseño italiano entre coloristas edificios sociais.

Retrato de Isaac Abrahamsz Massa e Beatrix van der Laen, Frans Hals, 1622
Hai,entón, un truco. Porque o XVII, o barroco holandés, foi un tremendo renacemento de artes, ideas, ciencias. ¿Que o diferenciou da exhuberancia católica? Paseamos polo RijksMuseum, o gran espazo da arte nacional holandesa. Achégome ata alí para ver como esa radical alteración da estrutura social europea ten a súa consecuencia nas belas artes. Aínda que está en obras, pódese ver unha escolma de pezas mestras que recollen ese período e da que existe unha interesantísima versión interactiva. Alí está Rembrand, Hals, Vermeer. As figuras burguesas que retratan estes mestres móvense, rachan a acción, algunhas rin, inaugurando unha nova época na pintura. As leccións de Anatomía que se impartían no Waag da man do gremio de cirurxiáns –curiosamente ao carón dun patíbulo municipal- foron encargadas polos médicos para decorar a súa sala de xuntas. E a do gremio dos fabricantes do pano serviu para o mesmo. A rolda de noite non é unha apoloxía militar, tampouco, senón un retrato de colegas privados que facían de cando en vez ese servizo público. E máis: Franz Hals debuxa ao matrimonio Isaac Abrahamsz Massa e Beatrix van der Laen cun franco sorriso ao pincel, inaugurando unha nova época na pintura que presenta a espontaneidade burguesa fronte á gravidade aristocrática. A cartografía permite recoñecer con detemento as propiedades de ultramar e Andries de Graeff ordea esculpirse en busto coma un patricio romano. Aquí está o gasto de diñeiro, na consolidación da nova clase civil. Pero tamén nos interiores. As casas de bonecas convértense nun excéntrico gusto no interior da casa burguesa. O doméstico é o suntuario.

Un comentario