alternativas baratas para comer en amsterdam

Last updated on 26 / Outubro/ 2005

febo

O noso erróneo chauvinismo gastronómico –derivado moitas veces dun descoñecemento do mundo exterior- non ten cabida en Amsterdam. Porque nesta cidade cómese francamente ben e sen deixar o cartón a tremer. Hai tres grandes niveis de viaxe gastronómica. A comida a pé de rúa dá as oportunidades de calquera cidade occidental para encherse de graxa, colesterol e flatulencia crítica. Na cidade sobrancean unha importación posíbelmente belga: as fries, unhas exitosas patacas fritidas con maionesa que se sirven en grandes estuches de papel como flocos de millo, pura grasumalla. Unha opción moi amsterdanita son os Febo, excéntricos fast food onde os bocatas –previa inserción de moeda- se serven a través de máquinas expendedoras comunicadas directamente coa cociña. Pura graxa e fritura barata. Para quen queira mirar pola súa saúde, hai unha estupenda e orixinal opción: Wok to Walk: diminutos establecementos asiáticos nos que che preparan de inmediato unha preparación de fideo noodle, gambas, polo e o que queiras.

O segundo nivel é un pracer para os curiosos gastrónomos: Amsterdam está cheo de restaurantes internacionais que por 18 euros ofrecen abundantes menús degustación de sabrosas especialidades de todo o mundo. A comida indosenia é omnipresente, debido á etapa de colonia, e unha excelente segunda oportunidade para coñecer a comida asiática para aqueles que fuxiron das apisonadora de sabores chineso-galega. Tamén moitos sudamericanos montaron os seus negocios na cidade, e todo o centro está cheo ata arriba de asados arxentinos, uruguaios, rodicios brasileiros. Non podemos esquecer restaurantes africanos, especialmente etíopes, os gregos, os italianos de identidades rexionais moi diferentes…. nin, por suposto, os establecementos árabes, especialmente de influencia exipcia nesta cidade. Por moi pouco prezo, un pode agasallarse cun delicioso plato de shoarma, ou con bolos de falafel con verdura fresca. Gústame moito como tratan o produto os sirios, os exipcios. Preocúpanse de coidalo, e querelo. Uns ollos crávanse na túa boca para coñecer a túa primeira reacción ao produto. E logo respiran aliviados.

One Comment

  1. mariasoledad
    27 / Maio/ 2008

    quiero saber el precio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *