historia de seis

pirandello

Gosto da xente que é quen de superar as barreiras do seu propio tempo e propór algo revolucionario, destinado ao presente e fresco para o futuro. Iso é o que lle pasou a Luigi Pirandello. En 1922 escribiu Seis personaxes á procura de autor e deulle a volta ao propio feito teatral, á división entre escena e vida, entre público e actores. Hoxe en día segue a estar cargado de significado, segue a sorprender. ¿Non eran iso os clásicos?

Este fin de semana estreouse en Compostela a versión do Centro Dramático Galego, dirixida por Xulio Lago. Confeso que eu –que nunca vira nada de Pirandello- acudín á representación temeroso de que a miña falta de sono me puxera nunha difícil situación pública. A situación pintábase crúa: lin por algures un resumo da obra: “é unha reflexión sobre o propio feito teatral”. Por defecto, adoito desconfiar dos resumos que son incapaces de contar o argumento do espectáculo. Sen embargo, a excelente e cauta versión da obra de Pirandello que levou a cabo Lago e o bo elenco actoral permitiume mergullarme case inmediatamente nesta secuencia de ilusións, de dúbidas verdadeiras, de historias sobre historias que che transportan entre o humor, o drama e o xogo.

Dinme conta dese luxo asiático, desa tremenda sorte que é o teatro público: hai que andar moi despistado pola vida en Compostela se pagas máis de 3 euros por ver unha obra interpretada por máis de dez bos actores. En Broadway, unha butaca de galiñeiro para unha produción con non moitos máis recursos non baixa dos 40 €.. Pero un día despois da estrea, esta atractiva produción non deu enchido o cativiño Salón Teatro (aínda que pouco lle faltou).

Boa sorte para estes Seis personaxes á procura de público.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *