castróns ao volante

Ese animal, un venerábel señor a punto de conseguir a xubilación, acaba de saltarse tódolos semáforos en vermello e zigzaguea entre coches nesta mestura de cruce, glorieta e labirinto que está ao carón da Alameda de Santiago. Os castróns que están nunha das saídas do cruce, a pesar de veren diante a perigosa manobra, arrincan nada máis pórse a luz en verde como se foran robots e meten máis perigo na situación. Movo, por aburrimento, uns centímetros o coche para diante, agardando eu a que se poña o semáforo en verde. A tipa que está no Land Rover do meu carón, a pesar de que ve que a luz continúa vermella, dálle moito máis ca min seguindo un acto reflexo ata meterse no medio do cruce e obrigar aos coches que viñan pola esquerda a desviárense e meterse no carril contrario.

Dende que saquei o carné, hai pouco máis de dous anos, descubrín que as persoas temos algo do Dr. Hyde, actuando camufladiñas no interior do coche. Supoño que é pura covardía instintiva, porque determinadas condutas, perpetradas por persoas aparentemente responsábeis, non se ven na rúa. Ao pensar que non nos ven, manifestámonos en estado carnívoro natural. Como o tipo que se che pon a pitar coma un burro detrás pola caravana cando ve diante perfectamente que un camión está manobrando. Unha vez un artista do pito sacoume de témporas a fartar. Saín do coche, fun atrás, peteille na xanela ao paisano. O home pareceu encollerse coma un verme dentro e non se atreveu a abrir: debinlle parecer un psicópata tolo. Xabi faloume unha vez da cacería que fixo un grupo de condutores no peaxe de Rande, na A9, a un salvaxe que pasou nun Jaguar a 190 e que pescaron nas cabinas. O tipo fuxiu deixando o coche no medio da dársena.

A hora brava é á tardiña, á saída do traballo. Deben estar as oficinas, as fábricas, cheas de presións e tensións porque o xeito no que os coches se moven polas rúas é de desesperados querendo fuxir dun ambiente hostil. Non podo resistilo e consulto as estatísticas da DXT (en PDF) ao chegar a casa. Efectivamente: máis que nas operacións saídas, nas operacións retorno, nos etílicos fines de semana, os momentos de máis alto risco de accidente de tráfico son os días laborábeis da semana entre as 18 e as 20 h. Podedes comprobalo no seu informe. Pero, curiosamente, aínda falta o primeiro anuncio sanguento de TV que traballe esta franxa de risco.

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *