a fuga de punta carretas

fuga

Remato de ler un libro fascinante que lle atopei a Sole nos andeis: La fuga de Punta Carretas. Trátase dunha crónica escrita por Eleuterio Fernández Huidobro, antigo guerrilleiro do Movemento de Liberación Nacional de Uruguai (MLN), máis coñecidos polos Tupamaros, e actual Senador da República. O libro narra as vicisitudes da maior fuga de presos políticos dunha cadea no mundo. Máis de cen tupamaros e cinco presos comúns fuxiron en 1971 por un túnel da principal cárcere de Montevideo, protagonizando un sonoro escándalo mundial e precipitando o ascenso ao poder dos militares que, pouco despois, crearían a ditadura militar en Uruguai en 1973.

La fuga de Punta Carretas é a historia sorprendente do enxeño humano e da supervivencia nun contorno pechado e illado. No penal de Carretas convivían presos comúns e un número crecente de prisioneiros políticos segundo a situación no país se estremaba máis e máis. Había un prisioneiro que comezou a observar a unha muller nun edificio de enfronte. Un día tentou comunicarse con ela amosando varias prendas de roupa da mesma cor. Ela respondeu pendurando na súa terraza outras de cor similar. A linguaxe comezou a xurdir e, ao preso namorado, no fervor dos exitosos seguintes días, non lle chegaban as cores da roupa dos presos para contar todo o que lle tiña que dicir.

Nese mundo estremo, os días mídense por metros cúbicos de terra extraídos, e pola enxeñaría caseira coa que se planifica o túnel de escape. Huidobro, un personaxe clave para comprender a política uruguaia dos últimos trinta anos, relata con humor negro as peripecias para camuflar a terra, para disimular aos enfermos, para agachar o ruído, para chegar a acordos dentro dos comités revolucionarios.

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *