choiva de ourizos

1

Un xigante aprende a escribir no fondo do embalse de Belesar. A herba que nace no fondo limoso, aínda que seco, é feble e cativa. A seca, que deixa o embalse como un gran ermo cheo de caligrafías, dálle ao campo unha triste cor parda que nada ten que ver coas cores do outono.

Ao camiñarmos polo monte, cae unha choiva de ourizos. Cos petos cheos de castañas, camiñamos por unha paisaxe de enormes castiñeiros e carballeiras agachadas, beirando a ribeira do río Loio. As garzas refúxianse baixo a agachada Ponte da Retorta ao anoitecer e fuxen planeando entre as pesadas ponlas dos carballos cando pisas con forza a folla do chan. É este un roteiro singular, sinalizado polo concello con cariño e atención. Pero é especialmente singular porque nesta terra montañosa, as pegadas do home desaparecen como castelos de area entre a silveira, a terra e a frouma.

Pois será cousa de ir marchando, tamén -parece dicirlle un vello, mentres soa os mocos, sentadiño no luscofusco, ao Tempo que sentou ao seu carón no seu camiño cara o Atlántico.

Aquí, no concello de Paradela, remata a Ribeira Sacra no seu estremo norte. Dous minúsculos prioratos agóchanse nas voltas dos ríos. O de San Facundo de Ribas do Miño, restaurado hai pouco, aparece nunha deliciosa boca do río, cun embarcadoiro e viñedos. O de San Xoán de Loio merece un esforzo de exploración e imaxinación.

loio

Agachado nunha volta deste río, chegar a el significa interpretar a ladeira para descubrir o antigo sendeiro, esvarar por algunhas pedras. Un sabe que chega porque o granito está cortado, de súpeto, a machada, e nel recórtanse as pequenas pegadas de tellados que unha vez estiveron sostidos alí. Un sepulcro antropomorfo xorde entre o musgo, crebado. As fiadas de pedra que quedan parecen ondas concéntricas que van descendendo pola ladeira e pequenas sorpresas, como escadas, chemineas ou tella aspiran a desaparecer canto antes.

Seguimos camiño polas Cortes de Loio. Ao chegar a estrada que une Portomarín con Paradela, despois de pasar a ponte do río Loio, paramos a probar as anguías do Miño no Mesón de Loio. Ao noso carón, brasileiras e labregos comen un sinfín de chuletas. O sol marcha de Belesar e pega, ao final, nas almeas de Portomarín.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *