agora é o momento de investir

Se vostede pensa en organizar algún tipo de acto cultural en Santiago, fágao agora. A pouco que se mova, esa audiencia tan difícil de conseguir, mesmo nunha cidade tan universitaria como Compostela, xurdirá coma o millo por todas partes e onde nunca tería vostede pensado. Estreas de exposicións como as habitualmente esquencidas do Auditorio de Galicia, por exemplo, obteñen cheos históricos, a pesar de estaren lonxe das rúas do Franco e da Raíña. A clave é deixar caer nas canles axeitadas a posibilidade de que varios membros ou próximos ao novo goberno se poden dar unha volta polo lugar. E logo agardar. O outro día, os asistentes á inauguración da Chocolataría bloquearon a rúa das Orfas, caras non habituais nas performances da arte contemporánea, zapatos de estrea, olladas exploratorias. E unha semaniña e media máis atrás, a estrea da mostra de Merlín e Familia estresou ao piso de madeira do Museo do Pobo Galego, que nunca tanta xentiña xunta vira. ¿Unha nova sensibilidade cultural? Máis ben, un inconsciente colectivo que fai intuir algúns actos como must , lugares onde coñecer a nova posición de cada quen na esfeira do público -que non na esfera pública, e botar o anzó, a ver que pasa. Como dicía Rafa Sánchez, o cantante de La Unión, xente buscando xente.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *