Teotihuacán

lua

Aquí están, as pirámides de Teotihuacán. A foto está tomada dende a máis alta, a Pirámide do Sol (que seica, en realidade, era da auga) e ao fondo, vese a Pirámide da Lúa. Da outra beira está a máis pequena, a pirámide de Quetztacoatl, a Serpe emplumada. Non vou falar aquí das peculiaridades e a sorprendente cronoloxía deste marabilloso lugar, pero a evolución histórica das sociedades mesoamericanas sempre me sorprendeu. Cando os españois chegaron, esta cidade levaba seis séculos abandonada, aínda que continuaba a ser lugar sagrado para os locais. A grandeza do conxunto cerimonial –interesadamente remarcada na restauración que ordenou o ditador nacionalista Porfirio Díaz- quita a respiración.

sol
Pirámide do Sol dende o suroeste

pujlp Pero en realidade, a visión das pirámides e os templos no horizonte tróuxome á cabeza imaxes da ciencia ficción dos anos 30 ou 40, das revistas pulp sobre viaxeiros do espazo e do tempo que son levados a planetas extraterrestres. Ollo, non me tomedes por un Thor Heyerdarl ou un Jiménez del Oso; refírome a que aquí, en Teotihuacán, descubrín de onde proviña a inspiración de moitos debuxantes de cómic da época, que buscaban referencias do pasado que non procederan da fonte ‘oficial’ de pasado do mundo, Europa, é dicir, daquelo que xa coñecían abondo pola ensinanza na escola os posíbeis lectores. As estrañas pinturas, altorrelevos, figuras misteriosas da arte desta zona resultaban unha saborosa e exótica fonte de inspiración para o gran boom do entretemento popular da época.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *