Camiñamos aproveitando o sol de sábado polas praciñas de Coyoacán: cheas de organilleiros, barquilleiros, vendedores ambulantes de camisetas de Iron Maiden e coiotes de bronce. En El Entrevero, no Xardín Centenario, temos o pracer de atoparnos por fin con Luciano Weinberger. Comer con este vello urugaio é un pracer:
-Fun o sétimo [dos meus irmáns]. E se non saín lobishome, foi grazas a que entre aqueles irmáns que viñeron de Hungría había tres mulleres. Porque para ser lobishome non abonda con ser varón e o sétimo. Non pode haber ningunha muller entre os sete.
Así nolo contou e así tamén o escribiu o comezo dun libro no que relata a súa infancia no Paysandú. Fillo de xudeus húngaros, arquitecto, xornalista, Luciano tivo que marchar de Uruguai cando chegou a ditadura, nos 70. Traballaba como xornalista no voceiro do Partido Comunista, e as circunstancias obrigaron a pór terra por medio. Dende aquela, vive en México, pero segue a falar co acento oriental, continúa vivindo de xeito provisional, como agardando aínda o regreso que xa nunca será definitivo. Aos 76 anos, continúa co activismo social en México e Uruguai e mantense informado dos últimos datos do Estado español.
Cando entras na súa casa, descobres varios calcetíns enmarcados. Son os auténticos que aparecen na película Whisky. Luciano foi ata o barrio de Montevideo onde se rodou localizou ao dono da fábrica e aos produtores do filme. De feito, cada parede da casa de Luciano é unha sorpresa: a cada unha tócalle resumir as etapas da súa vida en murais de fotografías. Dous HP Pavillion permítenlle moverse na nova na que está metido. Luciano é moi alto, ten ollos azuis moi enormes e unha intelixencia e cortesía inmediatas.
Coa fiestra aberta e a caloriña deste serán, o son dos violíns que tocan no Xardín Centenario déixannos conversa aberta. Observo con felicidade que aínda quedan moitas paredes por encher neste piso.

Be First to Comment