coyoacán

casa azul

Se o centro de México é un lugar estremo e duro, o próximo barrio de Coyoacán é un remanso de tranquilidade. Neste rueiro histórico de clase media-alta, con recoletas casiñas agachadas tralos muros, amplas sombras hai algúns tesouros imprescindíbeis: alí están as casas de Trotsky e de Frida Kahlo. A casa de Trotsky, reconvertida polo ruso en búnker, está tal e como a deixaron despois do asasinato do revolucionario, con balazos incrustados na parede, mesas para alimentar a moreas de colaboradores e dictáfonos propios do doutor Bacterio. Os guías falan baixiño, como no querendo crebar o certo aire sacro que alí existe, entre fouces e martelos, entre sombras, disparos, traizóns.

A poucas mazás de distancia está a Casa Azul, a casa familiar de Frida Kahlo. Lugar máxico, cheo de cor, camiñas polas súas estancias é fascinante: faise lendo unha a unha as cartas que a artista lle escribía ao seu amigo médico Leo Eloesser. É a voz da autora a que fala en todo o momento, e sucédense cadros e corsés ortopédicos, pernas decoradas e apostas entre amigos escritas en arroutada na cociña. Sobre a cabeceira da cama de Frida aparece o retablo cos seus santos preferidos: Marx, Lenin, Stalin, Mao. Na escaleira, aparecen exvotos, pequenas ofrendas pictóricas nos que xente humilde ofrece a súa historia, debuxada, aos santos. En cada esquina, apropiándose das iconas desta cultura mexicana, esqueletes de papel, de escaiola. No belo xardín, estatuíñas xoguetonas precolombinas.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *